Xoán Carlos Carreja Iglesias é un dos pais do Proxecto Amorodo. Entre el e Carme Freire elaboraron as bases do proxecto e presentárono á Deputación da Coruña a finais do 2004. Das súas palabras resulta doado deducir que cre no que fai e con esa achega de ilusión e traballo saíu este novo xeito -ou vello, segundo como o vexamos- de entender a relación entre o produtor e o consumidor.
De quen parte a iniciativa do proxecto?
Pois partiu dos concellos de Ames, Rois e Dodro para a tentar de promocionar iniciativas agrícolas sustentables e tamén o consumo de produtos caseiros de ámbito local nas súas comarcas, a da Amaía e a do Sar. Cómpre sinalar que recentemente o Concello de Brión solicitou a súa integración formal no programa.
Desde cando está en marcha Amorodo?
Os primeiros traballos para darlle forma e configurar o proxecto démolos a principios do ano 2004, As accións de difusión no territorio iniciaronse no ano 2006, tendo unha vixencia, en principio de tres anos. Daquela contamos co cofinanciamento da Deputación da Coruña e dos concellos implicados e neste trienio fomos dando os pasos necesarios para desenvolvelo: integración de participantes, formación e promoción.
Segundo esa idea, que cumpría facer?
Amorodo foi deseñado para desenvolverse con base en cinco fases de actuación que van permitir a creación dunha base estable e sólida para a consolidación dun proxecto sustentable no territorio, abranguendo os traballos de formación -tanto para para a produción como para o consumo- e os de promoción dos produtos de horta, froita, trasnformados, conservas, polos, coellos, zumes,... e tendo en conta tamén o interese da transferencia das boas prácticas que se poden ir desenvolvendo así como dos resultados e os instrumentos e mecanismos complementarios da xestión do programa.
Quen se encarga da xestión do Proxecto?
Faise dende a Axencia de Desenvolvemento Local do Concello de Ames, aínda que existe un grupo de coordinación no que participan técnicos e políticos dos concellos implicados, así como técnicos das Oficinas Agrarias Comarcais de Negreira e Padrón, á parte do persoal técnico que coordina e se encarga da formación práctica. Xa se desenvolveron as fases de formación e promoción e agora centrámonos nos traballos de produción e comercialización.
E cando se cumpran eses tres anos de vixencia de Amorodo, que vai pasar?
Pois o que queremos é seguir funcionando tan ben como ata agora, pero xa sen finanzamento público, senón coma unha sociedade ou como a forma xurídica que os labregos e labregas adoptemos, que ofreza produtos locais sans e de calidade. Os consumidores aos que abastecemos están satisfeitos con esta relación beneficiosa para todos e por iso o proxecto cremos vai continuar.
Cales son os obxectivos que queredes conseguir con este traballo?
Antes de nada o fomento dunha agricultura sustentable e o consumo de alimentos sans. Queremos facelo desde o ámbito local integrando sectores como o da xuventude ou as mulleres do rural, á parte de promover a participación doutros colectivos das comarcas que abranguen os tres concellos.
E unha das razón para a creación de Amorodo é o establecemento dunha relación directa entre o produtor e o consumidor non si?
Efectivamente, é unha forma de eliminar intermediarios na cadea que vai do labrego ao consumidor coa idea de volver aos mercados tradicionais e garantir a calidade dos produtos.
A MULLER E A XUVENTUDE OBXECTIVOS PREFERENTES
Por que Amorodo define como beneficiarios preferentes deste proxecto os sectores da xuventude e a muller?
Por unha razón ben clara: a análise da poboación desempregada destes tres concellos reflicte a falta de incorporación da muller ao traballo –sobre todo en Rois e Dodro- e deste xeito queremos evitar a derivación maioritaria da muller cara ao sector servizos, precario xa dabondo, e crear novas alternativas de emprego para a xente nova no rural, freando así o envellecemento e abandono deste medio.
Foron esas as razóns polas que xorde este proxecto?
Son dúas razóns fundamentais, pero non únicas. En xeral, Amorodo parte da necesidade de atender as persoas e á terra nun mundo rural que non recibe o coidado e posta en valor precisos. Os produtos caseiros, os mercados e as economías locais deben ser potenciados mediante iniciativas de produción agraria sustentable que controlen o ritmo de crecemento, inxusto e insolidario, que prevalece e que achegarán beneficios en múltiples campos.
Por iso na vosa páxina web considerades a atención a tres factores.
Claro. Primeiramente, temos o factor social, a través da promoción e oferta de oportunidades de desenvolvemento económico e da mellora das condicións de vida e traballo nas zonas rurais, contribuíndo así a paralizar o seu continuo despoboamento; despois, o factor económico, mediante a valorización e potenciación das producións tradicionais e dos mercados locais como valores endóxenos do territorio e a diversificación do sector agrario; por último, o factor ambiental, co fomento de prácticas ambientais que contribúan á protección e conservación da biodiversidade e ao emprego sustentable dos recursos naturais.
PRODUTOS CASEIROS DUN AGRO HUMANIZADO
Ao falardes de produtos tradicionais, a cales vos estades referindo?
Temos especial interese por que se recoñeza o valor do produto caseiro e a súa defensa ante a
posibilidade de que no desenvolvemento normativo da Lei de Calidade Alimentaria de Galicia, se desvirtúe o caseiro e poida ser utilizado polas industrias alimentarias perdendo o seu verdadeiro significado no agro galego e o seu valor de alimento de calidade, tradicional e cultural. Os produtos serían os de horta, leitugas, repolos brócoli, cenorias e todos os se poidan encaixar; transformados serían zumes, marmeladas, conservas de verduras, mel, ovos, polo caseiro, coello, froita, pan, doces, empanadas, fariñas de millo, trigo integral, etc...
E se tal como dis, ademais son saudables, con que criterios están cultivados ou elaborados?
Tanto o proceso de formación coma o de produción están guiados pola idea de non utilizar pesticidas ou pragicidas sistémicos, empregar sementes autóctonas, non utilizar fertilizantes químicos e reducir os insumos na explotación.
E polo na mesma liña está o convenio coa Fundación do colexio de veterinarios da Coruña.
Pois si, con dous obxectivos: o primeiro, a confección de guías de boas prácticas na agricultura, gandería e transformados que nos acrediten conforme aos requirimentos dos Regulamentos Comunitarios relativos á hixiene dos produtos alimenticios e mais os dos alimentos de orixe animal; o segundo, traballar no eido da certificación compartida, labrego/a-consumidor/a, pero tamén como un compromiso do produtor/a de que estamos a facer as cousas ben, a través de análises que aseguren a trazabilidade dos alimentos dende a produción ata que chegan ao consumidor, como unha forma de amosar o compromiso dos participantes do proxecto coa sustentabilidade e o medio ambiente.
Cantos produtores están integrados en Amorodo?
Arredor dos 24 labregos e labregas cos que iniciamos este camiño, aínda que dende aquela estanse a incorporar novas persoas, así como persoas que se adican á elaboración de transformados centradas nun comercio baseado na relación directa cos consumidores da que che falaba antes e, debido ao elevado número de persoas interesadas nesta iniciativa, foi preciso ampliar os seus obxectivos territoriais iniciais, pasando xa a unha concepción máis comarcal do programa.
Amorodo é un proxecto aberto a quen queira participar, non si?
Por suposto, calquera persoa pode participar co seu saber ou o seu interese -para aprender, ensinar ou recuperar saberes relacionados co cultivo da terra, coa cría de animais, coa elaboración de alimentos, etc.- ou simplemente como consumidor interesado nos nosos produtos.
E que debe facer o que queira formar parte de Amorodo?
É moi doado. Na nosa páxina web www.proxectoamorodo.org temos un formulario de contacto e ademais unha sección chamada súmate na que aparece o meu teléfono e o de outros compañeiros e compañeiras.