Tras realizar un documental sobre Neira Vilas, o director prepara agora unha adaptación do libro Memorias dun neno labrego, que, se todo sae ben, poderemos ver a finais de ano.
Ismael González
Director, guionista, escritor e produtor. Son moitas as facetas que definen a Ismael González, mais, se cadra, poderiamos reducilas a unha: traballador pola cultura galega. O xa experimentado director está a preparar un novo proxecto audiovisual, e que mellor que coa adaptación ao cine de Memorias dun neno labrego, dun dos grandes da nosa literatura, Xosé Neira Vilas.
Parece que non está sendo doado conseguir o financiamento para realizar este filme, ao parecer tiña unha subvención da Xunta que caeu en saco roto...
Si, a Xunta está a dar subvencións pero non son operativas, non son viábeis para as empresas honradas que non posúen moito capital, só lles resultan útiles aos aventureiros aos que non lles importa arriscar. Eu tiven que renunciar a esa subvención, xa que con eses cartos non hai maneira de facer unha película. Neste momento estou esperando a que saia a nova normativa, para comprobar se cos cambios é viábel acceder ás axudas.
Tamén a Televisión de Galicia se ofreceu a axudar co financiamento non é?
Pois o que fixo a TVG eu definiríao como "o contrato do non". Ao final non che dan o acordado. Con eles tiña en trámites un contrato de coprodución, pero o que ían facer era dar os cartos despois de rematado o filme, co cal, durante a etapa de produción seguiriamos sen contar máis que cos fondos propios da produtora. Eles entregan os cartos ao final porque xa lle sacan beneficio ao produto, xa negocian a quen a poden vender e onde a van distribuír para teren un capital seguro.
Ademais disto, pretendían adquirir os dereitos para sempre en galego por tan só 40.000 euros, a metade do que pagan polos dereitos de calquera película americana e isto a min paréceme un desprezo para os artistas galegos. Eu penso que os contratos teñen que facerse de común acordo, non por imposición. Mandeilles unha carta aos da TVG coas miñas opinións e levo oito meses agardando a que me contesten.
Entón polo de agora só conta cos cartos da súa produtora?
Agora estou pendente da nova Lei do Cine e dos créditos do ICO para poder conseguir algún tipo de axuda. Polo de agora só puiden contar cos cartos da produtora coa que xa fixen 38 longas e máis de cen curtas. É unha vergoña que en lugar de axudar a sacar adiante proxectos orientados cara a nosa cultura, as autoridades apenas fagan nada. O que eu pretendo facer nos meus filmes é levar a cultura galega fóra das nosas fronteiras, e é a eles a quen lles correspondería apoiar estas iniciativas.
Falemos agora da película que está a preparar, xa en 2002 fixera un documental sobre Neira Vilas, que nos aporta este novo filme?
Decidinme a facer esta película por que en primeiro lugar xa tiña os dereitos do libro, e ademais son amigo de Neira. De feito un grupo de artistas estamos a preparar unha escultura para poñer en Gres (Vila de Cruces) e entre 60 escritores galegos estamos tamén a escribir un libro homenaxe a el e a Balbino, que sairá aproximadamente en xullo.
Vostede mesmo foi o encargado de elaborar o guión da película, mais tamén colaborou o propio autor do libro, como foi traballar con Xosé Neira Vilas?
O guión está feito tamén por un catedrático da Universidade de Madrid, Carlos Emilio García Fernández e por Neira Vilas. Penso que é un personaxe enraizado en Galiza e que ten unha grande forma de tratar á xente, a pesar de que tivo unha vida moi difícil. Tanto el como a súa muller Anisia, que tamén ten unha vida moi interesante tanto no persoal como no literario.
Meténdonos de cheo no filme, como vai ser a interpretación fílmica da obra literaria?
Resultou un pouco complicado adaptar a historia ao mundo cinematográfico, xa que ao estar composto de contos, había que darlle unha continuidade temporal. Penso que o resultado final quedou moi ben, respectando o libro e acadando unha visión xeral completa. Ten unha estrutura lineal ben narrada, pero tamén levou o seu tempo: catro anos de traballo que realmente valeron a pena.
Por outra parte, no libro Neira Vilas non utiliza unha linguaxe que se corresponda coa normativa actual, pero optamos por respectala xa que para min a lingua que se utiliza nestes relatos é moi rica e non me pareceu oportuno cambiala.
Memorias dun neno labrego trata moi diversos temas como a emigración, a discriminación da lingua, o rural galego... que queda de todo isto na sociedade galega actual?
A sociedade galega evoluciona moi rápido porque estaba atrasada polo caciquismo endémico que padecemos e pola desconfianza da xente. Agora a mocidade estase abrindo, xogan un importante papel as institucións e as actividades culturais, pero en Galiza cada paso que se dá é moito máis agradecido. Galiza ten un futuro se acaba cos caciques e cos aspectos negativos de non deixar avanzar as cousas, podemos ser unha gran potencia dentro do mundo.
Cales son os maiores retos aos que se enfrontou á hora de dirixir este filme?
A verdade é que o traballo non resultou difícil, xa que conto cuns actores magníficos, os actores galegos son xente moi formada, o problema é que tiven que escoller nenos novos, porque os que estaban previstos para a película inicial xa foron á mili.
Tamén conto cunha magnífica música de Lino Brage e de Enrique Paisal, compoñente de Los Tamara e cuns paisaxes estupendos e abraiantes, os de Galiza. O problema é que cada vez quedan menos aldeas. A pesar diso xa temos as localizacións para ir gravar, preto de Vila de Cruces, creamos a aldea ideal para o filme a partir das imaxes de varias aldeas.
E xa para rematar, cando poderemos ver en imaxes as historias de Balbino?
Está pensado que empecemos a gravar en xullo, e xa temos algunhas tomas de enlace e a parte do Entroido, comezaremos a montar en outubro polo que conto que a finais de 2008 xa estará preparada para mostrar ao público.