O filme gañou catro premios, entre eles o de mellor película e o de mellor secundario para Javier Bardem, primeiro actor español en levar o galardón.
Javier Bardem confirmou os prognósticos (despois de ter levado o Globo de Ouro e o Bafta era o gran favorito) e fíxose co Óscar ao mellor actor nun papel secundario por Non é país para vellos (No Country for Old Men). É a primeira vez que un actor do Estado Español gaña un Óscar á mellor interpretación, e pode que non sexa o derradeiro para Bardem. O actor vaise consolidando como un dos grandes actores de Hollywood, recibindo louvanzas xeralizadas polo seu papel do asasino Anton Chirgurh no filme dos Coen.
Bardem agradeceulles aos irmáns terlle dado a oportunidade de estar na película, e terlle posto na cabeza "o peor corte de pelo da súa vida". Tamén se dirixiu, xa en castelán, á súa nai Pilar Bardem, presente no Teatro Kodak, a toda a súa familia e en xeral a todos os actores "e cómicos de España".
No Country for Old Men foi a gran triunfadora dunha noite que repartiu os seus premios: levou apenas catro galardóns, pero entre eles estiveron o de mellor filme, mellor director e mellor guión. As outras películas que chegaban como favoritas: There Will Be Blood ou Juno, tiveron que se conformar con premios menores, mellor guión orixinal para a segunda e mellor actor protagonista para a primeira. Daniel Day Lewis coronouse deste xeito como o mellor intérprete cun papel de malo, de vilán, o mesmo que Bardem.
Outros premios
Non tivo sorte o outro español nominado, o músico Alberto Iglesias (nominado por The Kite Runner), e o premio á mellor banda sonora foi para Atonement. Entre os restantes premios, destacou o premio ao mellor documental para Taxi to the Dark Side, un achegamento ás torturas realizadas polos Estados Unidos en Afganistán, Iraq ou Guantánamo. No premio ao mellor filme estranxeiro, gañou o austríaco Os Falsificadores (The Counterfeiters), un filme ambientado nun campo de concetración nazi.