Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
a xestión da auga

Roteiro pola Ribeira Sacra

Seguindo co programa de roteiros 2007-2008 de ADEGA-Lugo, este domingo 24 de febreiro achegarémonos ás terras de Chantada, na Ribeira Sacra, en pleno Val do Miño, cun roteiro a carón dos encoros de Belesar e dos Peares. Cruzaremos en barca o río máis importante de Galiza para, alén de desfrutar dunha xornada en contacto coa natureza, reivindicar unha mellor xestión da auga en Galiza. Os usos domésticos, ambientais e agrogandeiros deben prevalecer sobre os enerxéticos!

ADEGA - 18:18 19/02/2008
Tags:

É unha das subtemáticas que se encadran no ciclo de roteiros adicado ao cambio climático e as súas causas e consecuencias no país, através do cal se conxuga o pracer do andar coas reclamas ecoloxistas.
  Dende esta perspectiva, ADEGA considera que na xestión da auga, os usos domésticos, ambientais e agro-gandeiros teñen que ser prioritarios sobre o uso enerxético. No noso país as reservas de augas subterráneas son escasas (debido á natureza xeolóxica do terreo), polo que despois dun breve período de seca, como o acontecido este outono, a dispoñibilidade hídrica redúcese de xeito alarmante.
  Outro aspecto sobre o que vai permitir reflexionar o roteiro é o dispendio enerxético na nosa sociedade, así como os impactos que xeran as centrais hidroeléctricas no medio: perda de terreos agrarios, illamento e traslado de poboación, redución da biodiversidade, dificultade da migración dos peixes, variacións climáticas locais, perda da calidade da auga, etc. No entanto, os grandes beneficios económicos que xeran estas empresas non reverteron na zona: non houbo redución no recibo da luz, os concellos non cobraron os impostos correspondentes (lémbrese o conflito polo canon enerxético co anterior goberno da Deputación), eliminación da tarifa nocturna, etc.
  O percorrido, de dificultade media-baixa e dunhas 4 horas de duración, comezará no lugar de San Estevo de Ribas de Miño (igrexa do s. XII), de onde nos dirixiremos á aldea de Diomondi (igrexa do s. XIII). Camiñaremos polos Codos de Belesar seguindo a calzada romana ata chegar á aldea de Belesar, fronteira entre O Saviñao e Chantada. Cruzaremos o río en barca até unha pequena carballeira onde terá lugar o xantar. A ruta da tarde discorrerá pola ribeira de Chantada, pasando polos lugares de A Sariña e Pincelo, onde vive Avelino, un cesteiro dos que xa non quedan e cuxo obradoiro visitaremos.
  Para participar será preciso apuntarse previamente nos números de teléfone 982240299 ou 699626660.
  Haberá que levar xantar e roupa e calzado adecuado.   Prezos:

  • Normal: 15 €
  • Estudantes, xubilados ou no paro: 12 €
  • Socios: 10 €
  • Ata 17 anos: 5 €
Saída: diante da escola de Maxisterio de Lugo ás 9 da mañá.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: