Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
NAUFRAXIO

O armador do 'Cordero' insiste en que o accidente foi provocado por un impacto

Xosé María Santiago declarou este luns na Capitanía Marítima de Vilagarcía. O patrón do arrastreiro non acudiu por estar afectado psicoloxicamente.

Redacción - 18:14 28/01/2008

O armador do Cordero, Xosé María Santiago, mantivo este luns que é "imposíbel" que un golpe de mar provocase o naufraxio do arrastreiro a madrugada do 15 de xaneiro a 30 millas de Cabo Prior e insistiu na súa hipótese do impacto dun "colector ou un madeiro" contra o pesqueiro.

Así o reiterou en declaracións a Europa Press despois de ofrecer o seu testemuño á Capitanía Marítima de Vilagarcía, que toma declaración para aclarar as circunstancias que interviñeron no naufraxio do pesqueiro, no que faleceu un membro da tripulación e catro continúan desaparecidos, co obxecto de trasladarllos á Comisión para a Investigación de Accidentes Marítimos do Ministerio de Fomento.

Santiago acudiu a testificar ás dez da mañá, acompañado do seu irmán Xoán Manuel, que tamén participa na sociedade armadora. Porén, este luns non foi declarar o patrón de pesca do arrastreiro, Marcos Antonio Ures García, un dos tres sobreviventes do naufraxio, aínda moi afectado psicoloxicamente polo accidente. Polo mesmo motivo, Ures tampouco puido testificar o luns pasado xunto aos outros dous compañeiros que sobreviviron ao naufraxio: Xosé Manuel Parada Argibay e Hendra Ernawan.

Pola súa banda, tanto o capitán marítimo de Vilagarcía, Martín Rosales, como a conselleira de Pesca, Carmen Gallego, defenderon a actuación dos efectivos de Salvamento Marítimo no naufraxio do Cordero a madrugada do martes 15 de xaneiro. Ambos os dous aseguraron que fixeron "todo o humanamente posible", tendo en conta as condicións meteorolóxicas que se rexistraban. Deste xeito, responderon ás acusacións efectuadas polo sindicato CIG, que demandou a actuación da Fiscalía por considerar que non se cumpriron os protocolos internacionais de rescate.


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: