Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Reportaxe: O home, lobo para ... o lobo? (e III)

O illamento poboacional, principal perigo para a supervivencia do lobo

Novas infraestruturas como as autovías ou o TAV están a eivar a mobilidade das mandas e a provocar o empeoramento xenético dos novos exemplares. A caza ilegal e os velenos son outros dos seus inimigos.

Fernando Arrizado - 09:00 24/01/2008
Os velenos e a caza furtiva ameazan o lobo

Os velenos e a caza furtiva ameazan o lobo

A piques estivo o lobo ibérico de desaparecer no século XX. Deica os anos setenta, o goberno español pagaba recompensas por eliminar a 'alimaña'. Censos da época estimaban unha poboación que non superaba os 750 exemplares en toda a Península. Daquelas zafouse da extinción e, paseniñamente, conseguiu recuperar algúns dos espazos que en épocas pretéritas lle pertenceran.

Malia que na actualidade a situación do lobo mellorou, a súa conservación non está nin moito menos asegurada. As batidas ilegais son unha realidade e os velenos e os cepos seguen a estar presentes nos nosos montes, en moitos casos -mais non sempre-, a causa de políticas de conservación cativas en investimentos, que deixan a sensación no habitante do rural de que é el o que mantén o lobo.

Neste senso, haberíase que preguntar o favor que lle fan a gandeiros e lobos os que para conseguir mellores axudas para os primeiros esaxeran o impacto negativo dos segundos.

Porén, outros casos son máis sangrantes. En xuño de 2006, a Federación Ecoloxista Galega (FEG) denunciaba que a empresa Cinegética Serra de San Mamed, de Ourense, ofrecía na súa web a posibilidade de cazar lobos por tres mil euros, aínda que a lexislación só o permite baixo autorización especial a causa de danos reiterados.

Ese mesmo ano, no mes de febreiro, tres lobos apareceron mortos e sen cabeza nun monte da parroquia de Negrelos (Rodeiro, Deza). Todo apunta a que estas penduran dalgunha parede como trofeos.

Batidas ilegais

Algúns outros sucesos significativos: a Asociación para a Conservación e o Estudo do Lobo (Ascel) denunciou ante as autoridades a morte dunha parella de lobos en inverno de 2006 e de tres cachorros no verán nas serras que rodean Muras (A Terra Chá), a causa de batidas non autorizadas, ademais doutros seis lobos -entre os que había unha femia- unha vez comezou a tempada de caza.

Precisamente os veciños deste concello recibían o pasado 5 de decembro autorización da Consellaría de Medio Ambiente para cazar lobos, tras constatar "danos continuos e reiterados sobre o gando". O delegado provincial do departamento, Eduardo Vidal, dixo ter datos suficientes: 13 avisos de danos en 2007 deica o 30 de setembro (dende o 1 de outubro de 2006, período de axudas), indemnizados con 1.439 euros.

Cómpre sinalar que en Asturias, o abatemento de lobos en caso de danos só pode ser realizado por funcionarios contratados para tal fin, medida criticada polas federacións de caza, tamén a galega.

Durante o período 1999-2003, segundo o antigo borrador do Plan de Xestión do Lobo en Galiza o 20% das mortes de lobo produciuse a causa de actuacións ilegais, mais outros datos a nivel estatal estiman que ao redor do 75% dos exemplares que morren anualmente caen a mans de cazadores furtivos.

Poboacións illadas polas infraestruturas

O lobo é un animal, que ao igual que o xabarín, está en continúo movemento. Pode percorrer ducias de quilómetros en tan só unha noite, o que explica tamén a dificultade en estabelecer un censo de poboación fiábel.

Mais esta mobilidade innata do lobo, que lle permite interrelacionarse con mandas diferentes dun amplo territorio, está a ser truncada pola construción de novas infraestruturas que non teñen en conta esta circunstancia nos seus estudos de impacto ambiental.

Esta é -os expertos consultados non o dubidan- a máis inminente e importante ameaza das que vai ter que afrontar o lobo nos vindeiros anos. Ademais da destrución dos hábitats tradicionais do lobo, a fragmentación producida por estas grandes infraestruturas -autoestradas e camiños de ferro valados, entre outras- provocan un illamento poboacional das mandas.

Este illamento conduce a un empobrecemento xenético e a un maior risco de extinción. Por todos son coñecidos os problemas que provoca a consanguinidade entre humanos; nos lobos a situación é similar, dando como resultado exemplares de peor calidade biolóxica en cada xeración, xa que só o líder da manda é o que se aparea.

Porén non se trata de elixir entre autovías, trens ou encoros e o lobo. A sempiterna dialéctica que provoca enfrontar progreso e conservación ambiental non ten razón de ser neste caso.

O problema, tal e como apuntan numerosos estudos, poderíase solucionar parcialmente promovendo a creación de 'pontes verdes' (pontes anchas con vexetación por riba, que posibilitan as migracións, e que xa son utilizados noutras zonas de Europa para permitir o paso de osos). Non habería comunicación entre todas as poboacións, mais si polo menos entre as máis próximas.

Conservación do lobo

En outubro de 2006, entre as alegacións presentadas ao borrador do Plan de Xestión, o biólogo e naturista Martiño Nercellas achegaba algunhas claves para lle poñer solución ao 'problema do lobo' en Galiza:

Queda todo un traballo de xestión, principalmente divulgativa, serio e responsable, nun percorrido a contracorrente da percepción que ten boa parte da poboación rural galega do lobo, que permita cambiar o odio sobre a especie a favor da súa tolerancia e coñecemento, sen dúbida algunha, ferramentas indispensables para atallar a conflitividade home-lobo".

"En resumo, información que permita entender que o lobo forma parte indisociable do noso ecosistema, como nós; que permita asumir baixas ó gando naqueles lugares onde temos eliminado ás presas salvaxes; para aportar solucións de manexo que eviten a carga ao gandeiro de soportar pola súa conta os efectos dunha especie de interese público xeral; reconducir pautas de comportamento que erradiquen a persecución furtiva por multitude de medios agonísticos e grande crueldade (uso de velenos, cepos, trampas, etc..); non xeneralizar a súa caza coma un feito normal, medida que tan só parece avivar a imaxe negativa e preconcibida do lobo".

"A chave para atallar o problema do lobo radicará cando apostemos en positivo pola súa conservación, divulgando e concienciando para tolerar e harmonizar a convivencia con el, facelo coas ganas de querer que campe libre polas nosas serras, de escoitar o seu ouveo, sabedores de que a súa presencia é un dos mellores síntomas da saúde ambiental e riqueza do noso patrimonio natural".


Documentos

5/5 (12 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: