Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
ESTÍBALIZ ESPINOSA, POETA

"Detesto esa dimensión da poesía como elevación na que o poeta se flaxela para congraciarse co lector"

Publica 'Zoommm. Textos Biónicos', un novo poemario que incorpora textos híbridos, recitados e musicados. Dispoñíbel en A Regueifa Plataforma.

Marcos S. Pérez - 10:30 20/01/2008

Gañou certames tan importantes como o Esquío (1999) ou o Espiral Maior (2001) e publicou tres poemarios individuais: Pan (libro de ler e desler), Número e, e -Orama. Pero Estíbaliz Espinosa é moito máis que poeta: canta, fai podcasts, é actriz, e mantén activos un blog, un fotolog e unha conta de flickr. Como ela mesma di "son todas formas de simulación". O seu último libro pódese ler e desler, pódese escoitar tamén, pero en calquera caso pódese descargar libremente en A Regueifa.


Can-lobo

Por que decidiches publicalo na rede, en creative commons e en descarga gratuita?
Atraíame (e atráeme) a posibilidade de "libro híbrido" que dá a rede: un libro con sons, con fotografías, con cambios na tipografía ou nas cores. Que conste que antes envieino a algunhas editoriais e non tivo sorte: ningunha me contestou. E o da descarga gratuíta e a licenza Creative Commons: vén sendo unha tarefa absurda e titánica poñerlle cancelas á libre circulación dos "artefactos" de cultura.

É a primeira vez que musicas poemas?
Ben, o da música é unha cousichiña experimental e pequena que fixen hai bastantes anos fuchicando co Sound Forge. Pareceume que podía irlle ben ao libro.

Estás satisfeita co resultado? Cres que lle deu a atmósfera que esperabas?

A atmosfera? nalgúns casos si (no de cryo-hibernación). Nos demais... eu son difícil de contentar co traballo propio. Por iso non paro.

Indo ao libro, sorprende a presenza constante desa temática, ligada á robótica, á tecnoloxía, ao espacio... Cando naceu ese interese?
Na máis tenra infancia, cando nos nace todo. Sempre me gustou ir ao planetario. Gústame a ciencia-ficción e, sobre todo, a profunda reflexión que encerra a construción dunha máquina pensante. Os autómatas, o ilusonismo... Un creador e a súa criatura entablan unha relación tensa e intensa. Coido que é o grande tema do noso tempo

Pero non estaba presente noutras obras anteriores túas, como Pan...
Pero en Número e si xa comeza a haber unha teima polo cyborg, e en -orama hai unha fascinación polo ollo, a vista (de aí o título) e algúns poemas nos que me visto de astronauta.

Moitas veces cando moita xente ten diante un texto cunha temática futurista (en todos os seus sentidos) ou ligada en certa forma ao que se denomina ciencia-ficcion, parécelle un tema moi alleo á vida cotiá. Supoño que non estás de acordo con isto.

En canto ao da ciencia-ficción: para min a ciencia-ficción é a filosofía do noso tempo: faise preguntas fundamentais sobre o ser humano, a intelixencia, as emocións, a percepción, o noso lugar no cosmos, o artificio, a Vida... Todo iso interésame e si coido que é vida diaria. Non me interesa a poesía para a autocompaixón. De feito, detesto esa dimensión solemne da poesía como unha elevación na que ao final o poeta flaxélase para congraciarse co posíbel leitor.

A vida diaria empuxanos a ser automatas, un pode escoller entre deixarse arrastrar ou fuxir desa corrente, non cres?

Coido que é moi difícil sustraernos á nosa natureza de autómatas. Creo que si o somos porque empregamos dispositivos aprendidos: a nosa memoria colectiva, por exemplo, é un como un chip que vai mudando co tempo. Somos moito menos autónomos, persoais e orixinais do que a publicidade nos di e nos gustaría ser.

Pero imos safando, non?
Tratamos constantemente de non ser "o peixe morto que segue a corrente", como dicía unha famosa pintada da Coruña. A cousa é que moitas veces a transgresión e a orixinalidade véndense en pack. Por iso descreo delas.

Onde se atopan eses espazos de liberdade?
Supoño que cadaquén terá as súas propias receitas. É moi difícil ás veces manter e soster un pensamento, unha idea, que non encaixa nos esquemas do esperábel. Supoño que hai que intentar evitar o que eu chamo o pensamento-en-pack. Os espazos de liberade son construcións humanas que mudan co tempo: para algúns a rede pode ser un espazo de liberdade como o foi o cine nas súas orixes, ou o teatro... Co tempo, eses espazos poden converter tamén en lugares claustrofóbicos e sobresaturados, como lle acontece hoxendía ao ámbito musical. E en troques, espazos en apariencia pechados e sometidos, como a publicidade, poden tornar enormemente líricos, creativos...

Os cyborgs namoran? No amor un é máis ou menos autómata?
Jajaja. Pois... os cyborgs claro que namoran, son organismos vivos. Os robots, supoño que acabarán desenvolvendo sistemas de resposta similares (como Bender en Futurama), aínda que non sei para que. Cando namoramos... non temos ás veces a sensación de sermos títeres, monicreques das nosas hormonas e células sexuais? "Iso significa ser escravo", que diría o outro. O amor é un sistema de escravitude que ninguén quere abolir, e síntoo por acabar de ter escrito esta frase con aire de cita pomposa.

E para que serve o zoom? que queres ver con el?
A verdade titulei xa tantos textos "zoom" que xa é vergoñento que agora saque un libro con ese nome de novo. Engadinlle as emes por ...mmmm... o blog que levo, e pola onomatopeia en si. O que tiña na cabeza era un zoom que non se achega ao ser humano, senón que afasta del (e de min mesma, tamén). Un zoom descomunal que comeza, por exemplo, na meniña dun ollo e acaba por saír do sistema solar... Un zoom que comezaba nunha parella ás beiras dun lago e chegaba aos confíns da nosa galaxia.

Os namorados miran as estrelas, non?
Non. Os namorados míranse no espello, compracidos. Son os que están perdidos, os pastores, os nómades os que teñen que se guiar por ellas. Que conste que a min gustábame levar ás miñas parellas ao planetario, cando namoraba así en plan cósmico bestial.

Que importancia ten para ti o blog? Que influencia ten na túa poesía?
O blog: para min é un laboratorio, un lugar no que deito moitos escritos que non foi posíbel publicar doutro xeito [son preguiceira e non moi exitosa na miña xestión coas editoriais galegas]. Influencia na poesía: non moita, a verdade. Pero si é un formato en cápsulas [como a poesía] que resulta atractivo e dixeríbel. E que permite algo máis que malvadas palabras. Quizais non goce [como formato] do prestixio do libro, a revista.. etc. sen embargo eu teño atopado voces brillantes e lúcidas nos blogs. O seu número é excesivo, si, pero tamén o número de libros publicados. Un blog é un dispositivo de comunicación - igual có libro- que, simplemente, ofrece "prestacións" distintas. Pero todo depende de quen estea detrás, naturalmente.

No libro hai un poema dedicado a Maria Mariño. Cres que xa está totalmente normalizado o lugar da muller na literatura galega?
Se estivera normalizado non sería un termo marcado: "literatura de muller", dicimos. Hoxendía ser muller e escribir vende. Tampouco é iso. Coido que poden enganar moitos egos con esa fórmula. En canto ás mulleres antigas, as que habían disfrazarse de homes ou poñerse pseudónimos masculinos ou vivir á sombra... na literatura galega haberia máis Marías Mariños que seica descubran co tempo. Ou non.

Comezan a superarse as etiquetas?

A muller estará normalizada cando deixe de ser un termo marcado na linguaxe, no marketing... Iso terá a vantaxe de non ter por que dar explicacións... Hoxendía ser muller, nesta parte do mundo, na opulencia na que vivimos, nesta indolencia, pode chegar a ser un privilexio. Agora, como muller non acepto caramelos de adulación.

En que estás traballando agora?, en que proxectos (se se poden adiantar)?, novo libro?
Proxectos, varios. Libros híbridos, líbridos, como este do que falamos hoxe; un proxecto de sons no que levo xa tempo; e tamén un traballiño de actriz de teatro que anda por aí, a ver a ver. Dáme "superstición" falar diso, non por chorrada nin por facerme a interesante, senón porque ás veces pronunciar algo é escarallalo. Oh, perdón, quixen dicir fodelo. Interésame moito contar e non contar. Pero libros teño varios en mente, si, e o formato online gustoume pero que moito: rápido, "customizado", de descarga libre, sen anestesias...mmmm

Se queres, pechamos con ese mmmm tan teu
Jajaja. O mmmm é universal. En todos os foros aparece. Por iso gustoume. Cando alguén pensa unha resposta... pois mmmm.


Suspense


Cryohibernación


3,92/5 (12 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: