Xabier Díaz será a nova voz de Berrogüetto no quinto álbum do grupo, un proxecto audiovisual que se publicará dentro duns meses.
Nestes momentos Berrogüetto atópase inmerso na preparación do seu novo álbum, o quinto na traxectoria da formación, "un proxecto moi complicado, no referido á produción", que incorporará gravacións con orquestras, e contidos audiovisuais, cos que se creará, ademais, un DVD. O álbum podería estar listo antes do verán, pero o máis probábel é que se publique en outono. O proxecto, que segundo Berrogüetto "sae do camiño habitual do grupo", levará a voz de Xabier Díaz, pois aínda que están gravadas boa parte das pistas instrumentais, aínda non se rexistrou a voz. Por certo, que Guadi Galego será aínda parte integrante do grupo neste álbum, aínda que só sexa a través da súa gaita.
Dende Berrogüetto comentan que durante algún tempo baralláranse varias posibilidades para este disco: que cantase Guadi, que cantase Xabier ou mesmo que o fixesen os dous, "pero Guadi estaba cansa e non podíamos obrigala a subir a un proxecto que vai ser aínda moi laborioso".
Para Berrogüetto, Xabier Díaz "é o mellor ao que o grupo podía aspirar despois de Guadi", e consideran que o cambio non só será bo, senón que pode ser un revulsivo para a banda, unha especie de reto, adaptarse uns aos outros de novo e explorar novos camiños. A eleccións de Xabier Díaz, alén da súa calidade e talento, non foi casual. Xabier xa colaborara na gravación de Hepta e en varios concertos do grupo, que de feito xa o consideraban "parte da familia"
A noticia foi unha gran sorpresa, pero supoño que é un proceso que vén de algún tempo atrás, non si?
Si, non lembro a data exacta en que me comentaron a posibilidade, creo que foi hai un mes e medio. Chamoume Guillermo, co que xa tiña máis relación, e comentoume a situación. Marchei a Arxentina a facer algúns bolos, tomei uns días para pensalo, e á volta renímonos todos para comentar como poderiamos crear o proxecto.
Falaches con Guadi, supoño
Si, claro, sobre todo por unha cuestión persoal, porque temos unha amizade de moitos anos. E ela alegrouse moitísimo de que fose ser eu o seu substituto. Ela ten que seguir na música, porque sería unha enorme perda para a música do país que o deixase. Está moi preparada e triunfa en todo o que fai e sei que vai ter moita sorte en calquera dos seus proxectos.
E ti, continuarás cos teus proxectos?
Terei que axeitar a velocidade dos proxectos e reorientar algún. Agora mesmo estou traballando na gravación do terceiro álbum con Guillermo, que temos moi avanzado e esperamos publicalo antes do verán. Outra cousa é o novo espectáculo de Nova Galega de Danza para este ano. Xa falei coa dirección da compañía e plantexeilles a posibilidade de compartir a titularidade con outra persoa.
Parece que a relación entre grupos e artistas galegos é moi estreita: discos conxuntos, espectáculos como Cantos na Maré, mobilidade dos músicos... Está vivindo a música galega un bo momento?
Creo que está vivindo un momento fantástico. Hai uns anos pareceu que había un repunte, unha meirande popularización, pero penso que xusto agora os grupos teñen máis solvencia, máis calidade, máis percorrido. Ademais, o repuntes de hai uns anos só se deu no folk. O bo é que agora o auxe da música galega dáse tamén no hiphop, no rock, no power pop... A música galega non é só o folk, sería como dicir que a literatura galega só é a poesía.
Sempre dá a impresión de que un cambio de voz nun grupo, sobre todo cando se muda unha voz feminina nunha voz masculina. O cambio drástico é tal?
Ten que haber un cambio, iso é evidente. e aí está o excitante desta historia. Guadi e eu, e calquera artista non sño temos voces diferentes, senón que temos formas distintas de entender a música. O grupo cambiará, obviamente, pero os cambios son emocionantes por iso mesmo.
Berrogüetto toma unha voz masculina cando no folk galego predominan as voces femininas. A contracorrente?
Ben, Berrogüetto foi pioneiro en romper moitas inercias e agora volve facelo. Polo que me comentan, a eles tamén lles apetecía cambiar ese rexistro nalgún momento, e agora xurdiu a oportunidade. Ademais, comezan a saír boas voces masculinas en Galiza, xa non é tan raro.