Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
XOVES 27 E VENRES 28 NA SALA NASA DE COMPOSTELA

Unha orquestra sen partituras

Dous concertos da pioneira Orquestra de Música Espontánea de Galicia (OMEGA) pecharán o ano na Sala Nasa, que recibiu a máis de dez mil persoas en 2007.

Redacción - 13:13 27/12/2007


A música que realiza unha orquestra espontánea, unha orquestra que improvisa, ten un valor do que carecen as composicións con partitura: non existe até o momento en que se interpreta, é efémera, créase en tempo real. Ese é o tipo de música que realiza a Orquestra de Música Espontánea de Galicia (OMEGA): dúas ducias de músicos guiados por un director que mediante xestos acordados de antemán vailles dando unha serie de indicacións, ligadas á intensidade, ao ritmo e velocidade, pero tamén ao sentimento (alegría, tristeza, euforia...) que queren expresar. Pero non hai guión, "é un salto ao vacío", como afirmaba Pop, un dos integrantes das orquestra.

Liberdade, ausencia de normas, convivencia entre todo tipo de estilos e músicos, mestura. Todo, co obxectivo de crear unha música que exprese un conxunto de sentimentos, e que nunca será a mesma.

Unha orquestra en crecemento

A Orquestra de Música Espontánea de Galicia (OMEGA) é un proxecto artístico de vangarda, formada por ao redor de 30 músicos galegos procedentes de ámbitos e estilos moi distintos, como o jazz, o rock, o folk ou a electrónica, que se unen para conformar unha orquestra experimental de improvisación libre guiada por un director. Omega debutou en marzo na NASA, dirixida por Pablo Rega, e agora regresa, con dous novos concertos (xoves 27 e o venres 28 a partir das dez da noite) que servirán para amosar a súa progresión. Nos primeiros meses de 2008, a NASA ten programados seis novos concertos, algúns deles organizados por seccións (voces, cordas, eléctrico, ventos) e que contarán con convidados especiais. E dous novos concertos conxuntos, a finais de xuño.

A improvisación ensáiase, trabállase. A técnica individual e a coordinación entre os músicos. Omega é unha orquestra en construción, en crecemento, que comezou a xestarse en 1999 nas abas do Centro de Novas Tecnoloxías do Pico Sacro e dende 2003 contan co apoio da Sala Nasa (aí esta, por exemplo, a aposta polas Sesións Vibracionais, nas que participa unha sección da orquestra cada mes). É unha iniciativa pioneira en Galiza, pero que conta con tradicións de varias décadas noutros países de Europa, coma o Reino Unido, como recordaba Chefa Alonso, que traballa na Orquestra de Improvisación de Londres: "é moi positivo que xordan estas iniciativas en Galicia, para que os músicos que estamos fóra podamos tocar aquí, e para que os de aquí non teñan que marchar fóra".

Os concertos desta semana gravaranse, o mesmo que varios dos que se realicen ao longo de 2008. Tamén se gravarán, mesmo en video, os que se realicen en xuño. Eses rexistros poderían conformar un disco, pero os responsábeis da orquestra repiten que non é o obxectivo principal. Tamén se plantexan tocar noutros espazos, aínda que son conscientes da dificultade de atopar lugares que acollan este tipo de música. Por desgraza non hai moitos espazos coma a Sala Nasa.

O sábado, Ultranoite
O derradeiro espectáculo do ano será a tradicional Ultranoite dos sábados, que comezará ás once da noite, do día 29, por suposto sábado.


5/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Presentación dos concertos da orquestra na Nasa: Patxi Varela, Pop, Chefa Alonso e Xesús Ron
Presentación dos concertos da orquestra na Nasa: Patxi Varela, Pop, Chefa Alonso e Xesús Ron
Un momento do ensaio
Un momento do ensaio
Imaxes dun concerto ofrecido hai uns meses
Imaxes dun concerto ofrecido hai uns meses