As Fuerzas Armadas Revolucionarias de Colombia - Ejército del Pueblo (Farc-Ep) anunciaron a liberación de Clara Rojas, o seu fillo Enmanuel e Consuelo González, quen serían entregados ao presidente venezuelano, Hugo Chávez, ou a quen el decida. Clara Rojas, formaba parte do partido de Ingrid Betancourt e ía na súa candidatura á presidencia de Colombia como vicepresidenta. Foi secuestrada xunto con ela en 2002 mentres se dirixían en campaña electoral cara a San Vicente del Caguán en plena ruptura do proceso de paz co goberno de Andrés Pastrana. O seu fillo Emmanuel, de tres anos, naceu en cativerio. Outra das liberadas é a ex congresista colombiana, Consuelo González, secuestrada en 2001 cando viaxaba no seu automóbil entre Pitalito e Neiva.
Nun comunicado dado a coñecer pola axencia de noticias cubana,  Prensa Latina, o grupo  insurxente colombiano Farc-Ep considera a liberación coma un xesto de desagravio aos familiares dos retidos, ao presidente venezuelano Hugo Chávez e á senadora colombiana Piedad Córdoba, cuxa xestión  polo intercambio humanitario foi cancelada polo goberno colombiano. 
 
 Segundo o  texto, asinado polo Secretariado das Farc-Ep, "a orde para liberalos en Colombia  xa foi dada". 
 
 No comunicado de sete puntos, as Fuerzas Armadas Revolucionarias de Colombia- Ejército del Pueblo,  insisten no  despexe militar dos municipios de Florida e Pradera por 45 días para concretar  un acordo humanitario, e ratifican a decisión por realizalo e avanzar na  solución política do conflito armado. 
 
 Consideran improvisada e  inaceptábel a proposta dunha zona de encontro para dialogar con "o mentireiro  comisionado Restrepo, en inhóspitos, remotos e clandestinos lugares, con prazo  de 30 días". 
 
 Mentres -advirten as Farc-Ep- Restrepo ameaza con máis  operativos, ratifica a súa orde de resgate militar e ofrece dólares aos  guerrilleiros para que traizoen os seus ideais. 
 
 Agradecen ao presidente Chávez a súa dedicación, o colosal esforzo como facilitador, a boa  fe, a súa solidariedade coa causa pacífica do pobo colombiano e o tempo  investido a pesares das súas grandes responsabilidades. 
 
 A organización  insurxente considera que "a anulación da xestión facilitadora foi un acto de  barbarie diplomática contra o lexítimo xefe dun Estado irmán e contra o pobo  venezuelano, solidarios coa solicitude feita desde Bogotá". 
 
 Isto foi  tamén un portazo na cara ao presidente Nicolás Sarkozy, aos mandatarios  latinoamericanos solidarios coa tarefa facilitadora e "aos familiares dos  prisioneiros de guerra das dúas partes que presentían máis cerca o final das  súas angustias", indicaron as Farc-Ep. 
 
 Comunicado das Farc-Ep: 
 1. Álvaro  Uribe fracasou no seu intento por manipular ao presidente Chávez e á senadora  Piedad Córdoba. De novo mostrou o seu verdadeiro rostro como inimigo do  acordo humanitario e da paz concertada. 
 
 2. A indignante anulación da  xestión facilitadora foi un acto de barbarie diplomática contra o lexítimo xefe  dun Estado irmán e contra o pobo venezuelano, solidarios coa solicitude feita  desde Bogotá. Con ese vergoñoso portazo sentou un pésimo precedente, pois tamén  o recibiron o presidente Sarkozy, os presidentes latinoamericanos solidarios coa  tarefa facilitadora, outros gobernos sempre dilixentes para asuntos  humanitarios, o movemento de países non aliñados, os pobos de Francia, Estados  Unidos, Latinoamérica enteira e, especialmente, os esperanzados familiares dos  prisioneiros de guerra das dúas partes que presentían máis perto a fin das  súas angustias. 
 
 3. Este goberno que se refire ás Farc-Ep coma se estivese  gañando a guerra, con fantásticos discursos dirixidos ás elites empresariais do  mundo, non engana aos 30 millóns de colombianos pobres nin ás pauperizadas capas  medias vítimas da diaria violencia económica, social e militar do Estado. Moito  menos puido ocultarlle ao mundo co mendaz comunicado que cancelou a  facilitación, a intensa confrontación armada de profundas raíces político -  sociais que vive Colombia, nin a ilexitimidade do réxime cuxo presidente e boa  parte dos seus deputados, alcaldes e gobernadores foron elixidos grazas á  directa xestión política, financeira e armada do terrorismo narco paramilitar.  
 
 4. Acovardado para negar con franqueza calquera posibilidade de acordos  humanitarios, confundido para precisar se as Farc-Ep son terroristas ou unha forza  política-militar, belixerante, coa que está disposto a dialogar e chegar a  acordos, o presidente Uribe sen ningunha seriedade, cambia radicalmente as súas  opinións cada fin de semana e improvisa inaceptábeis propostas como a actual  para que realicemos diálogos co mentireiro comisionado Restrepo, en inhóspitos,  remotos e clandestinos lugares, con prazo de 30 días, mentres que nos enche de  improperios, ameaza con máis operativos, ratifica a súa orde de resgate militar  e ofrece dólares aos combatentes das Farc-Ep para que traizoen os seus ideais.  Definitivamente a este goberno fáltalle realismo e grandeza para falar coa  insurxencia fariana. 
 
 5. Reafirmamos a necesidade de despexar Florida e  Pradera por 45 días para concretar un acordo humanitario, mantemos a nosa  decisión por realizalo e por avanzar na solución política do conflito social e  armado como resultado dun proceso rodeado de plenas garantías por parte do Estado, procurando non a recomposición do actual réxime paramilitarizado, corrupto  e axeonllado ante o imperio, senón a construción dun novo, transparente,  verdadeiramente democrático e soberano como o expomos no manifesto fariano e na  plataforma bolivariana. 
 
 6. Agradecemos ao presidente Hugo Chávez a súa  dedicación, colosal esforzo como facilitador, incuestionábel boa fe nesta  xornada humanitaria, a súa solidariedade coa causa pacífica do noso pobo e o  tempo investido malia as súas grandes responsabilidades como primeiro  mandatario da irmá República Bolivariana de Venezuela. A historia renderalle o  merecido recoñecemento á súa xestión humanitaria. 
 
 7. Ante a infamia  uribista e como desagravio ao presidente Chávez, á senadora Piedad Córdoba e  aos familiares dos prisioneiros, aceptamos o seu chamado a liberar á doutora  Clara Rojas, ao seu pequeno Emmanuel e á doutora Consuelo Gonzáles de Perdomo  como mostra incuestionábel da esperanza que depositaramos no seu papel  facilitador. Elas e Emmanuel deberán ser recibidas polo presidente Chávez ou por  quen el designe, en circunstancias tales que se evite baixezas uribistas como as acontecidas coas 'probas de vida'. A orde para liberalas en Colombia, xa foi  impartida. 
 
 Secretariado do Estado Maior Central. 
 
 FARC - EP  
 
 Decembro 9 do 2007.