Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Cómic galego

Regresan as aventuras de Xiana e os seus amigos

'O Castelo Regadeira' editado por El Patito Editorial, xa se pode mercar nas nas librarías.

Redacción - 09:00 17/12/2007
Portada d'O Castelo Regadeira

Portada d'O Castelo Regadeira

Tras catro anos de parón, o público pode gozar de novo coas aventuras de Xiana e os seus compañeiros, xa que grazas a El Patito Editorial, O Castelo Regadeira está de novo nas librarías. Esta obra recolle 42 das historias publicadas na revista Golfiño, unha serie que acadou un grande éxito por parte do público e que cada semana sacaba á luz as aventura e desventuras desta simpática heroína.

A idea do Castelo Regadeira xorde como obxectivo do autor de crear un mundo onde convivisen a fantasía e a vida real, e que ademais tivese como protagonista a un personaxe feminino. Dende esa premisa, Norberto Fernández non dubidou en desenvolver “nun ambiente humorístico” as aventuras dos seus personaxes. As historias de Xiana non son un ciclo pechado, a partir desta publicación, e se o público demostra interese, a protagonista poderá seguir amañando os seus problemas.

O director de El Patito Editorial, Fausto Isorna non desaproveitou a presentación do libro para recordar que este álbum supón a “posta de longo” da editorial, que pretende “publicar as mellores obras da historieta galega”. Fausto mostrou tamén a súa decisión de acadar unha grande calidade na edición de todas as obras que saian ao prelo.

As aventuras de Xiana
O Castelo Regadeira está considerada como a mellor obra do debuxante vigués Norberto, nela guión e debuxo se complementan dun xeito clave para o éxito da mesma. As viñetas están mimadas ao detalle, e unha revisión pormenorizada pode levar ao lector a descubrir en cada esquina personaxes históricos do mundo do cómic e a animación, escenas que se desenvolven paralelamente á principal, ou decorados propios dun teatro, todo isto da unha gran riqueza a esta historia.

O universo fantástico de Xiana e os seus compañeiros, se mistura coa vida cotiá dando xiros inesperados que transforman un día calquera nunha aventura. Os gags e o humor, aderezado con pequenas doses pícaras, converten esta serie en apta para todos os públicos, rapaces e adultos poden gozar ao máximo de esta obra.

Neste caso, a protagonista, como xa o fixo durante moitos anos, estará acompañada polos seus inseparables Tuxo e Toxo; o seu mestre Gorxón; o xigante Xulianín; a vampiresa Kuldina; ou o Lobisneno.


5/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: