Pronunciouse ao respecto desa idea o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, durante a súa visita a México.
Explicou o presidente da Xunta que sen esquecer a atención ao sector máis desfavorecido da emigración, protagonista até o de agora das primeiras planas da relación do país coa diáspora, Galiza debe explorar amplamente o contacto co sector dos negocios. Na súa opinión, a relación co empresariado exterior é "unha materia pendente" da que hai que "tirar proveito".
Pérez Touriño realizou estas afirmacións na mesma xornada en que asistiu á presentación da Unión Mexicana de Empresarios Galegos, UMEGAL, colectivo que se vai adherir á Rede Mundial de Empresarios e Profesionais de Orixe Galega, creada pola Xunta hai un ano. O presidente destacou a diversidade de sectores empresariais dos que proveñen as empresas coas que nace esta asociación. Argumentou Touriño, que a Rede ofrecerá exemplos en pouco tempo de como pode estimularse "a cooperación, as alianzas, os negocios ou os investimentos entre empresarios e profesionais de orixe galego, superando fronteiras e límites xeográficos coas novas posibilidades que brindan as tecnoloxías".