Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
DECLARACIÓN DE COMPOSTELA

"Ningún Estado democrático pode ignorar a súa realidade plural"

Galiza, Euskadi e Cataluña formarán unha fronte común para a promoción das súas culturas, mediante o intercambio e a creación de programacións conxuntas.

    Marcos S. Pérez / Vídeo: Pedro Carrasco Solla - 13:45 10/12/2007



    A Declaración de Compostela asinada este luns no CGAC polos máximos responsábeis da xestión cultural de Galiza, Euskadi e Catalunya enmárcase nun "Estado plurinacional de feito, pero non de dereito", como se afirma no texto, "unha realidade que ningún Estado democrático pode ignorar", en palabras de Joan Manuel Tresserras, conselleiro de Cultura e Medios de Comunicación da Generalitat. Esta fronte cultural conxunta entre os tres países nace no día en que se reúnen en Compostela os responsábeis de Cultura de todas as comunidades autónomas e máis o Ministro de Cultura, César Antonio Molina.

    Con todo, o acordo adoptado polas tres nacións non debe entenderse como "un ataque", segundo Ánxela Bugallo, que salientou que o diálogo entre culturas "xamais pode ir contra ninguén". Así e todo, a Declaración de Compostela si debe entenderse como unha aposta por unha "concepción plural" do Estado Español da que o ministerio "debería facerse cómplice", en opinión dos tres gobernos. A colaboración en materia cultural vai ir máis aló dun simple manifesto de intencións, e vaise reflectir, ao longo de 2008 (Ano Europeo do Diálogo Intercultural, ademais) nun conxunto de actuacións concretas, baseadas no intercambio de información e experiencias (sobre todo a través dos seus respectivos observatorios culturais), e na creación de programacións culturais conxuntas conformadas por artistas de cada un dos tres países.

    Liñas comúns entre as tres nacións
    O acordo de colaboración estábel asinado hoxe, inédito na historia dos tres países, chega nun momento en que as políticas culturais que se están a desenvolver en Galiza, Cataluña e Euskadi comparten non só o obxectivo de revitalizar as culturas propias, mais comparten igualmente metodoloxías e actuacións máis concretas, como a posta en marcha de circuítos e redes culturais, unha aposta por crear mercados internos e externos para os autores de cada país, e o fomento do diálogo cos creadores e axentes, para implicalos na toma de decisións, como se recolle tanto no Plano Vasco da Cultura, posto en marcha por Miren Azkarate, conselleira de Cultura do Goberno Vasco, coma na decisión de crear o Consell de les Arts a Catalunya.

    Outro dos obxectivos é o fortalecemento das industrias culturais e a súa proxección internacional, a través da presenza destacada de Catalunya na Feira do Libro de Frankfurt ou de Galiza nas de Guadalaxara e A Habana. A este respecto Joan Manuel Tresserras advirte dos "problemas de visibilidade" que sofren as culturas catalá, vasca e galega á hora de promocionarse no exterior, sendo ocultadas e subsumidas no interior da cultura española.

    "Isto esíxenos, para ter unha presenza normal, facer de cando en cando un xesto moi chamativo, como este", di Tresserras. A través da Declaración de Compostela os tres gobernos farán fronte común na difusión exterior das súas culturas. Finalmente, malia a certa normalización que se foi conseguindo ao longo dos anos no eido da produción cultural, na actualidade mesmo os mercados propios resultan moitas veces inaccesíbeis para as creacións e empresas culturais propias. Para normalizar tamén os mercados, as políticas públicas de cultura en Galiza, Euskadi e Catalunya enfócanse cada vez máis cara á promoción e distribución, mediante a creación de redes. O aspecto máis novidoso da Declaración de Compostela non é tanto o intercambio de producións culturais, que xa existía (aínda que se vai fortalecer), senón a aposta por crear programacións conxuntas entre os tres países, unhas redes cuxas características e contidos serán anunciados nas vindeiras semanas.

    César Antonio Molina di "descoñecer" a Declaración
    Compostela tamén acolleu este luns a Conferencia Sectorial de Cultura, que reuniu aos responsábeis de Cultura das 17 Comunidades Autónomas e máis ao Ministro de Cultura, César Antonio Molina. Na xuntanza analizouse a preparación da celebración en 2008 do Ano Europeo do Diálogo Intercultural e do Ano Iberoamericano dos Museos. Así mesmo, informouse da constitución dunha comisión española sobre dixitalización e accesibilidade en liña do material cultural e a conservación dixital. Finalmente, presentouse un informe do Ministerio de Cultura sobre o desenvolvemento da Lei do Libro e a Lectura.

    Pola súa banda, Molina afirmou "descoñecer" o contido da Declaración de Compostela, alegando que non lle foi presentado documento ningún, e declarou que a lerá "nos xornais".


    Documentos

    Ligazóns

    5/5 (22 votos)


    Sen comentarios

    Novo comentario

    É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

    Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



    Momento da sinatura da 'Declaración de Compostela'
    Momento da sinatura da 'Declaración de Compostela'
    Tresserras, Bugallo e Azkárate
    Tresserras, Bugallo e Azkárate