Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Lusofonía

Xestionado por Vieiros
RSS de Lusofonía
Situación crítica nas prisións do Brasil

Os presos teñen a chave dun cárcere do Brasil por falta de funcionarios

A Comissão Parlamentar de Inquérito (CPI) do Sistema Carcerário brasileiro reúnese para analizar as deficiencias na rede penitenciaria.

Redacción - 11:50 05/12/2007
Xuntanza da CPI do Sistema Carcerário, en Brasília

Xuntanza da CPI do Sistema Carcerário, en Brasília

En Minas Gerais, unha prisión masculina acollía 14 menores de idade e 16 mulleres. No Amazonas, por falta de funcionarios, os responsábeis dunha outra cadea entréganlles aos presos as chaves do cárcere, que é mixto.

Hai máis casos. En Pernambuco, vinte mulleres embarazadas divídense entre dúas celas destinadas a tan só dúas presas. En Capela do Alto, un cárcere con capacidade para menos de dúas ducias de mulleres hai case un cento, entre estas dúas menores de idade.

Estas informacións serán dadas a coñecer esta cuarta feira aos deputados da Comissão Parlamentar de Inquérito (CPI) do Sistema Carcerário do Brasil, que analiza a situación da rede penitenciaria do país, a raíz do caso dunha adolescente de 15 anos presa nunha cela masculina con vinte homes en Abaetetuba, que foi reiteradamente violada durante un mes.

"A Lei de Execuções Penais contempla a construción de garderías nos presidios femininos, mais en poucos lugares do Brasil os hai, e os que existen están en condición precarias", denunciou a Pastoral Carcerária este martes por medio da coordinadora nacional da Questão Feminina, Heidi Ann Cerneka .

Tamén a coordinadora do núcleo fixo do Instituto de Defesa do Direito de Defesa (IDDD), Luciana Zfalon Cardoso, reiterou as informacións sobre a precariedade da saúde das presas. "Non teñen acceso a papel hixiénico nin a compresas. Xa vin a moitas delas xuntando migas de pan o mes enteiro para usárenas como absorbente íntimo".


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: