Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
'Operación Virgin'

PPdeG e Esquerda Unida piden a dimisión do alcalde de Mugardos

O PSdeG amosa "estrañeza" pola "inxenuidade" de Xosé Fernández Barcia. A oposición di que é "responsábel político".

Redacción - 18:30 04/12/2007
Xosé Fernández Barcia

Xosé Fernández Barcia

Os grupos da oposición da corporación local do municipio de Mugardos (Ferrol) sinalaron este martes ao alcalde, Xosé Fernández Barcia, do BNG, como responsábel político da suposta trama urbanística, porque, segundo argumentan, exerceu como concelleiro-delegado de Urbanismo de forma simultánea co cargo de rexedor durante o ano 2006.

O voceiro do PPdeG, Xoán Domingo de Deus, pediulle ao alcalde "maior transparencia" na xestión urbanística do concello e a súa total colaboración coa Xustiza. Ademais, o seu grupo salientou a "incapacidade" de Fernández Barcia para xestionar este ámbito da política municipal.

"Se esa falta de transparencia e esa falta de medidas supón estas actuacións, nese caso, teremos que pedir a dimisión do delegado de Urbanismo nesta cuestión, e naquel momento era o alcalde, así que debemos de pedir a súa dimisión, por ese incumprimento de funcións", dixo o popular.

Xoán Fernández, do PSdeG, admitiu que a operación desenvolvida pola Garda Civil no municipio "se vía vir". "O alcalde parece ser o máis sorprendido", dixo, e engadiu que "semella un inxenuo", algo que lle causa "estrañeza".

Neste mesmo senso, a voceira municipal de Esquerda Unida (EU), Pilar Díaz, reiterou que o alcalde de Mugardos debe presentar a súa dimisión como "responsábel político", independentemente do proceso xudicial. "É lamentábel que se agoche e diga que non sabía nada", subliñou.

O presidente do Racing de Ferrol defende á esposa do adestrador
Por outra banda, o presidente do Racing de Ferrol, Isidro Silveira, defendeu a inocencia da esposa do adestrador do equipo, a arquitecta Xulia C.D., unha dos catro detidos na 'Operación Virgin'. O dirixente deportivo dixo coñecer á muller do técnico racinguista, Xoán Veiga, e asegurou que é "imposíbel que faga nada malo; segurísimo". "Enlearíana, en todo caso", afirmou.

Na actualidade, están detidos en dependencias da Garda Civil a aparelladora municipal, Carme P.L.; a arquitecta Xulia C.D. -que exerceu como asesora do Concello dende xaneiro a xullo de 2006-, o seu irmán e colaborador no estudo de arquitectura Xcale de Fene, Pedro C., e un axente da Policía Local, Ovidio T.L.


5/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: