Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Música e cinema

Jane Birkin pon fin ao Sons da Diversidade 2007

A cantante e actriz achégase a Compostela para poñer o punto final a este ciclo musical e tamén para recibir o terceiro dos Premios Cineuropa deste 2007.

Redacción - 09:45 01/12/2007

Cantante, actriz e directora Jane Birkin é unha das iconas culturais máis relevantes no panorama artístico internacional, e así queda reflectido na súa vertixinosa axenda e no recoñecemento da súa valía a través de premios como o de Cineuropa 2007, que recollerá este sábado 1 de decembro en Compostela. A artista recibe o galardón nun acto na Casa do Concello, para pola noite pechar o ciclo Sons da Diversidade cunha mostra da mellor canción francesa contemporánea.

A súa película 'Boxes' proxectarase o domingo 2 de decembro ás 22:00 no Teatro Principal. Neste filme, que dirixe e protagoniza, conta a historia de Anna, inglesa, de cincuenta anos, que se muda para unha nova casa. Nos cuartos amoréanse caixas cheas de cousas... milleiros de recordos. Anna viviu moitas vidas e o seu pasado está gardado nesas caixas: os seus pais, pero tamén as súas tres fillas e mais os pais delas, os mortos e os vivos. Cada cativa é dun pai diferente, e todos volven a Anna para lle falar, reprocharlle cousas, pero tamén quizais para perdoala.

A diva da chanson francesa presenta horas máis tarde, ás 21:00 no Auditorio de Galicia as cancións de Rendez Vous, un espectáculo no que tamén interpretará temas do seu último disco Fictions e de Serge Gainsbourg, así como de anteriores traballos. Oportunidade inmellorábel para gozar dunha das máis extraordinarias representantes da canción francesa contemporánea.

Quen é Jane Birkin?
A filla da actriz e cantante Judy Campbell nace en Londres e debuta como actriz aos 17 anos no teatro, pero foi no musical Passion Flower Hotel cando comeza a súa faceta como cantante. Tras dunha experiencia cinematográfica na película The Knack, de Richard Lester, traballou con Antonioni na mítica Blow Up, que máis tarde conseguiría a Palma de Ouro no Festival Internacional de Cannes.

No 67 múdase a Francia e traballa no cine ás ordes de Pierre Grimblat e acada o éxito con Je t'aime moi non plus, ofensiva para algúns e unha delicia para outros, o certo é que propiciou un escándalo. A súa voz fráxil e tenue converteuse na súa marca distintiva, que combinou coa do seu marido Serge Gainsbourg até a súa separación a principios dos 80.

A súa carreira continuou coa grabación de diversos discos, e coa orientalización dalgúns dos seus temas en 1999, dos que xorde Arabesque(2002).Dous anos máis tarde, lanza Rendez Vous, onde traballa cunha serie de estrelas francesas e internacionais. Xa no seu último disco, Fictions, Jane contou cun envexábel equipo de compositores, entre os que se atopan Rufus Wainwright, Arthur H, Dominique A ou Cali entre outros.

Sons da diversidade
Hai agora tres anos a Concellaría de Cultura de Compostela poñía en marcha un ciclo de música que se deu en chamar Sons da Diversidade e para o que contou coa colaboración da produtora Nordesía. Un ciclo co que ademais de achegar a Compostela artistas e formacións vencellados co que chamamos músicas de raíz buscaba tamén relanzar e reactivar un espazo agora emblemático da cidade, o Auditorio de Galicia.

Durante este tempo o Auditorio acolleu xa preto dunha trintena de concertos, algúns deles colectivos como Ao pé da letra ou o concerto de despedida da tempada de primavera de 2006 no que se reuniron Lamatumbá, Habana Blues Band e Ruxe Ruxe. Noutros espectáculos o público que se achegou a Santiago puido coñecer a música en directo de Goran Bregovic, de Michael Nyman, de Lila Downs, de Lhasa ou de Salif Keita.

A tempada de outono contou neste 2007 con tres grandes concertos, sendo o primeiro o de Santiago Auserón, que se fixo acompañar da Original Jazz Orquestra Taller de Músics. En novembro foi a quenda do Sihá de Mercedes Peón e en decembro Jane Birkin, é a encargada de pechar o ciclo.

Este é o vídeo clip do seu tema Ex-fan des Sixties:


5/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: