Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
II EDICIÓN

Xosé García e Jaime de Armiñán levan o Premio Chano Piñeiro

Este galardón recoñece o labor do actor e do realizador a prol do audiovisual galego e á vez lembra a memoria dun dos pioneiros do cinema do noso país.

Redacción - 18:45 27/11/2007
O actor José García

O actor José García

O secretario xeral de Comunicación, Fernando Salgado, fixo públicos os nomes dos gañadores desta segunda edición do Premio Chano Piñeiro, que recaeron en Xosé García e Jaime Armiñán. Acompañado pola viúva do cineasta galego, Salgado remarcou que este galardón pretende “erixirse como unha homenaxe permanente de periodicidade anual a Chano Piñeiro, así como intentar promover a proxección exterior do cinema galego”.

O actor de orixe galega Xosé García é o primeiro dos galardoados. O seu labor como representante do cinema galego en Francia, onde pretende converterse no embaixador do noso audiovisual, xunto co seu empeño en iniciar un proxecto de coprodución franco-galega son os motivos polos que o premio recaeu neste galego emigrado.

Pola súa banda, o realizador non galego Jaime Armiñán fíxose co galardón debido a que é un dos profesionais que máis veces ten rodado en Galiza. Ademais de gravar na nosa terra “dignificouna como plató de cine, nunha época na que a nosa imaxe estaba chea de tópicos” segundo indicou Fernando Salgado. Armiñán foi ademais o primeiro en levar o noso país a Hollywood con Mi querida señorita, un filme rodado en Tui, Baiona e Vigo.

Recordo de Chano Piñeiro
O premio xurdiu o ano pasado como homenaxe ao creador de Sempre Xonxa, a primeira longametraxe de ficción galega que significou un “símbolo iniciático no sector audiovisual”, en palabras de Fernando Salgado.

A entrega de premios celébrase o vindeiro xoves 29 no teatro Colón da Coruña, nunha gala presentada polos galegos Xabier Veiga e María Vázquez, quen participou nos seus comezos nunha das películas de Chano Piñeiro, Esperanza. O acto contará ademais coa actuación musical de Luar na Lubre e Cuchus Pimentel.


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



'Mi querida señorita' de Jaime de Armiñán
'Mi querida señorita' de Jaime de Armiñán
'Sempre Xonxa' de Chano Piñeiro
'Sempre Xonxa' de Chano Piñeiro