Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
Verdegaia denuncia o excesivo alumeado de nadal que se vai instalar este ano na cidade de Vigo

Vigo “alumea” o cambio climático

A asociación ecoloxista Verdegaia denuncia que a cidade de Vigo, pertencente á Rede Española de Cidades polo Clima, terá este ano “o honor” de ser unha das primeiras do estado en acender as súas luces de nadal cun alumeado que non será “para nada insignificante”: téñense pensado instalar 4.000 motivos, tanto nas rúas céntricas como nas da periferia e nas parroquias.

Verdegaia - 13:45 16/11/2007
Tags:

Sen dispor dos datos concretos, e estimando que cada motivo está formado por unhas 400 lámpadas de 25 watios cada unha, temos un consumo total por hora de cidade “iluminadalizada”duns 40.000 kilowatios-hora. Isto significa que Vigo provocará a emisión dunhas 20 toneladas de CO2 por cada hora de funcionamento deste “marabilloso” alumeado de nadal.

Dende Verdegaia preguntámonos se tanto os responsables políticos como a cidadanía en xeral somos conscientes do custe desta actuación. Sabemos que este alumeado lle vai custar aos vigueses uns 3600 euros por hora, mais o prezo máis alto vaino pagar o planeta, xa que coas emisións que provocará Vigo contribuirá en grande medida a agravar o problema, xa crítico de por si, do cambio climático que estamos a padecer, ademais das problemáticas ambientais derivadas doutras formas de obtención de enerxía (encoros, minicentrais hidroeléctricas,...).

Dende Verdegaia-Vigo solicitamos á administración municipal que limite, cando menos, o número de horas de funcionamento das citadas lámpadiñas e esiximos que mude as súas políticas habituais para facer real o seu ingreso na Rede Española de Cidades polo Clima, ingreso aprobado polo pleno do Concello de Vigo en 2006 a petición da nosa asociación que presentou unha moción municipal sobre cambio climático titulada Estratexia Municipal fronte o Cambio Climático.

Cómpre lembrar que a actividade desta Rede está dirixida á promoción das políticas de desenrolo sostible e ó impulso de políticas locais de loita contra o cambio climático que contribúan á redución de emisións de gases de efecto invernadoiro e ó cumprimento do Protocolo de Quioto.

O cambio climático, consecuencia da intensificación do efecto invernadoiro inducida pola especie humana, é xa unha realidade. O Panel Intergobernamental sobre Cambio Climático (IPCC), adscrito á Organización de Nacións Unidas (ONU) e formado por máis de 2.000 científicos de todo o mundo, asegura que o cambio climático global xa comezou e que as accións para mitigalo e adaptarse a el son urxentes. Os estudos dispoñíbeis até agora amosan que, se non se reducen na medida necesaria as emisións de gases de efecto invernadoiro, o cambio climático inducido tería consecuencias consecuencias moi negativas tanto localmente en Galicia como globalmente no conxunto do planeta.

As emisións de gases de efecto invernadoiro en Galicia medraron un 45,9% entre 1990 e 2005, este espectacular incremento é un dos motivos polos que España é o estado da Unión Europea máis afastado do cumprimento do Protocolo de Quioto. Aliás, as emisións por habitante en Galicia figuran entre as máis altas de Europa e do mundo. Boa parte destas emisións teñen lugar nas vilas e cidades, onde vive o 70% da poboación galega.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: