Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Bos Aires

Edición xestionada por Débora Campos
RSS de Bos Aires
X.M. NÚÑEZ SEIXAS, HISTORIADOR

"Na diáspora percibiuse que algunhas formas do pasado están por periclitar"

Dende Vieiros Bos Aires, Debora Campos ofrécenos unha conversa cun dos participantes nas xornadas 'Buenos Aires Gallega'.

Debora Campos - 09:35 18/11/2007

O doutor en Historia Contemporánea polo Instituto Universitario Europeo de Florencia Xosé Manoel Núñez Seixas analiza nesta entrevista as pegadas que deixou unha revisión como a que propuxeron as xornadas Buenos Aires Gallega.

Pola súa experiencia nos estudos migratorios e como profesor titular de Historia Contemporánea na USC, Núñez Seixas foi un dos expertos que participaron na organización deste encontro.

Esa tarefa -recoñecida e louvada dentro e fóra do ámbito da colectividade galega- foi atacada por algúns sectores e el ten unha hipótese para explicalo: "Houbo egos feridos, de dicentes intelectuais de palleiro que por promoveren a muiñeira se cren herdeiros dos grandes intelectuais".

Cal diría vostede que foron os méritos das Xornadas 'Buenos Aires gallega: Inmigración, pasado y presente' que tiveron lugar na Arxentina no mes de agosto?

Na miña opinión, e con todas as imperfeccións que se lle queiran apoñer, pois ninguén é perfecto, as xornadas quixeron ser un expositor perante a esfera pública arxentina, e porteña en particular, das novas investigacións que se levan a cabo no estudo do presente e pasado da presenza galega na Arxentina e en Bos Aires, dunha banda; e das inquedanzas e experiencias de varios dos máis salientados axentes culturais, institucionais ou individuais, que na actualidade se están a ocupar da pervivencia e arrequecemento con novos aportes da identidade e da cultura galega na capital arxentina.

Sendo Bos Aires a sede do encontro, claramente había unha decisión que tomar sobre o rol das institucións galegas. Como se analizou esta situación?
As xornadas foron planeadas e concibidas como un evento fundamentalmente académico, pero aberto a un público amplo. Non se trataba de facer unha exposición por parte dos dirixentes da colectividade, que algúns houbo polo demais. Tratábase de estudar a colectividade -que é algo diferente- e os galegos de Bos Aires, que son algo moito máis amplo que as institucións e a colectividade. E que sempre o foron: nos seus mellores intres, só un de cada catro varóns inmigrantes galegos fixo parte dalgunha asociación. Se, por exemplo, na sección adicada a asociacionismo só houbo un dirixente societario, este foi escollido só por unha razón: a súa mocidade. E se, por certo, non houbo relatorios sobre todas e cada unha das asociacións, nin sequera sobre todas as importantes, iso tamén foi en parte debido a algúns imprevistos de derradeira hora.

Cal diría que é o nivel académico deses investigadores da diáspora e cal o interese o relevancia dos seus traballos?

En xeral, o nivel dos investigadores arxentinos é excelente, perfectamente homologábel e moitas veces superior ao que poidamos presentar en Galiza e noutros países europeus. A escola historiográfica arxentina sobre a inmigración é unha das mellores do mundo, na miña opinión. Por tanto, non ha sorprender que aquí existan, forxados na UBA e noutras universidades arxentinas, profesionais e novos investigadores de grande calidade. Velaí os casos consolidados, por citarmos só autores que teñan traballado sobre inmigración galega, de Alejandro Fernández, de Nadia de Cristóforis, de Liliana Da Orden, de María Rosa Lojo, e os novos traballos de autores como Ruy Farías, Marina Guidotti, Hernán Díaz, etcétera.

Rematados os tres días de ponencias, xurdiron algunhas voces alporizadas de operadores que lanzaban acusacións e falaban dunhas "xornadas que ofenden a memoria histórica da nosa colectividade". Tamén rexeitaban explícitamente o traballo feito polos académicos Como se explica esta reacción tan violenta no propio ventre da colectividade galega?
Non ofende quen quere, senón quen pode. Houbo –supoño eu- egos feridos, de dicentes intelectuais de palleiro que por promoveren a muiñeira se cren merecentes da condición de herdeiros dos grandes intelectuais da colectividade en tempos pasados e non tan pasados; e mais quen, no fondo, están tan condicionados pola asunción dos estereotipos negativos verbo da cultura, a identidade e a lingua galega que son incapaces de considerar que a cultura galega é unha cultura equiparábel a calquera outra, e por tanto non só obxecto de relicario e de señardade folclórica, senón tamén asunto de profesionais e académicos. E non académicos, pero que van alén do folclore e do saudosismo morriñento.

Na miña opinión, non hai que dar máis importancia a tales reaccións da que teñen. Eu nin sequera perdín o tempo en estar ao corrente delas. E animo a todos os que queiran labourar en serio pola cultura galega da diáspora a que fagan o mesmo, se ben respectando o pasado e presente da colectividade, asumindo as súas grandezas e miserias institucionais, que de todo hai, pero sobre todo os animo (anímovos) a que ollen cara ao futuro. O mundo non se acaba nas portas dun centro, dunha oficina da Xunta, dunha consellaría… O mundo da Galiza global é moito máis ca iso.

Algo máis ao respecto para rematar: o cambio da administración de Galiza tivo -naturalmente- eco nas institucións galegas fóra da terra e tamén entre os galegos e galegas alleos a elas. É posíbel ler estas xornadas nese marco e tamén os ataques que recibiron?
Pois dunha banda eu que sei, e por outra que queres que che diga… Sempre hai os partidarios de "calquera tempo pasado foi mellor", e o poder perdido sempre dóe. Outros interlocutores, outros xeitos, polo menos en parte. A miña impresión, porén, é que tamén na diáspora se percibiu que houbo unha mudanza importante. Que determinados xeitos e maneiras do pasado están por periclitar. E que os seus axentes máis activos e dinámicos, institucionais e non institucionais, tamén se decatan de que hai que afacerse aos cambios. Isto, porén, non só é unha cuestión de siglas políticas.

Entre os representantes de todas elas hai máis coincidencia da que semella á hora de pensar cal pode ser a maneira máis intelixente e eficaz de garantir a presenza institucional e social da colectividade galega na Arxentina. E iso pasa por crebar determinadas redes de intereses, polo xeral cativeiras, pero que xeraban nalgúns sectores a sensación de seren intermediarios, xestores do poder simbólico da "galeguidade" acó e acolá. Porén, cómpre pensar en positivo. Como dixo Castelao, Galiza é un froito da vontade e da imaxinación. Mentres se teña iso, sexa quen sexa o axente institucional, radiofónico ou blogueiro de turno, tranquilos, que a cousa seguirá indo. Vaia, que vai indo.


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: