Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
NA ENCRUCILLADA

O sector “nacionalista” do PG prepárase para tomar a dirección no vindeiro Congreso

A Executiva Nacional decidiu convocalo antes de dous meses e intentar que remate así a grave crise interna.

Redacción - 19:04 12/11/2007
Tags: Congreso PG

O IX Congreso do Partido Galeguista celebrarase entre o 22 de decembro e o 15 de xaneiro. A Executiva Nacional do PG reuniuse o pasado sábado en Monforte designou os militantes que formarán a Comisión Organizadora, que estará dirixida por Xosé Manuel Suárez García (como presidente) e por Lucía Vázquez López (vicepresidenta). Suso Martínez será o encargado de coordinar os traballos da Ponencia de liña Política.

Todo apunta que serán dúas as liñas que se enfronten no vindeiro Congreso: unha continuista (encabezada polo actual secretario xeral, Manoel Soto) e outra autodenominada como “nacionalista”, que pide un cambio radical na estratexia do Partido Galeguista, logo dos pésimos resultados dos últimos comicios municipais.

Indefinición
Suso Martínez, un dos membros máis destacados da oposición interna a Soto, explicáballe esta segunda feira a Vieiros que o PG está nun momento crítico e que precisa dunha redifinición urxente. Martínez dá por feito que a maioría dos militantes do partido avogan por unha estratexia diferente á seguida até o de agora: “A nosa indefinición é tal que os cidadáns non saben se somos un partido nacionalista ou se somos ou non de dereitas”.

A corrente crítica con Manoel Soto considera que o PG non pode ser o paraugas para calquera candidato. Como exemplo poñen o sucedido nas últimas eleccións locais na Coruña onde “o candidato (Carlos Marcos) defendía cousas nas antípodas da tradición galeguista”. Martínez é optimista e coida que se as súas teses trunfan no vindeiro Congreso o Partido Galeguista pode ter motivos para a esperanza a medio prazo.


4/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: