Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Critican o estancamento do proxecto

As bases do PG queren un novo temón "nacionalista" para a formación

Os concelleiros electos do Partido Galeguista toman a iniciativa para mudar a dirección de Manoel Soto e impulsar a "regaleguización" da proposta.

Redacción - 13:00 19/10/2007

O silencio desde a dirección do Partido Galeguista, PG, desde as pasadas eleccións municipais está sendo fortemente criticado desde as bases do partido. O desacordo coa liña estratéxica impulsada pola executiva viña de meses antes, pero os frouxos resultados electorais elevaron as protestas. Un sector do PG insistiu na necesidade de convocar un congreso urxente despois do 27M. Fronte á falta de resposta, os concelleiros electos do partido toman a iniciativa. Unha xuntanza en Compostela este sábado será o punto de arranque da reformulación do proxecto do PG.

A galeguización pendente
O Partido Galeguista será realmente "galeguista" ou non será. Esa é a convicción do movemento que impulsa o cambio na formación. Candidatos como Carlos Marcos, quen competiu baixo as siglas do PG no Concello da Coruña, malia expresarse en castelán nas súas intervencións públicas e non distribuír en galego o material da formación, son vistos como exemplo da errada estratexia que o PG, liderado polo vigués Manuel Soto, aplicou na última cita coas urnas.

Suso Martínez, membro da executiva nacional do PG e coordinador da provincia da Coruña, explicoulle a Vieiros que un dos principais motivos do "fracaso" nas últimas municipais foi a linguaxe política. Martínez láiase da existencia de candidatos que dicían cousas afastadas dos "principios galeguistas" que na súa opinión deberan guiar a formación. Opina que é un exemplo da falta de claridade na estratexia. "Non existía unha mensaxe nacional, e o que se dicía na Coruña, pouco tiña que ver co que se dicía en Vigo ou noutros municipios", quéixase. "Debemos ser un partido nacionalista, e en segundo lugar, un partido en galego", subliña, "non pode ser que aparezan candidatos falando en castelán", afirma.

Concelleiros "abandonados"
Fronte á "parálise" da executiva, os concelleiros do PG en Oroso, Padrón, Cambre, O Grove, Redondela, Sarria e Samos, reuníanse xa o pasado 12 de outubro e redactaban unha carta enviada ao secretario xeral, Manoel Soto. Na misiva solicitaban a convocatoria extraordinaria da executiva nacional coa fin de convocar o IX Congreso do PG antes de que remate este 2007. En resposta á demanda, Manoel Soto cualificou de "sorprendente" a insinuación de que a dirección obstaculizase a dinamización das agrupacións locais do partido e asegurou que traballa xa na convocatoria do congreso. "Galiza precisa un IX Congreso máis eficaz ca mediático, con ideas", indica Soto en resposta directa a Manuel Silverio Rivas, concelleiro en Oroso e un dos promotores principais do cambio de temón para o PG.

Congreso antes de fin de ano
Francisco López Chesqui, vicesecretario xeral do PG e coordinador da provincia de Pontevedra, e un dos asinantes da petición á dirección para a realización dun congreso. López Chesqui afirmou para Vieiros que non hai escusas para dilatar máis a situación e indica que "os concelleiros botan en falta directrices concretas" e é por iso que deciden liderar o proceso. "Debe producirse un revulsivo tremendo", afirma Chesqui, "aínda que algúns se resistan a iso". Na súa opinión a "renovación" no PG é necesaria para convertelo "no partido que ocupe o espazo electoral que a sociedade demanda e ao que non está respondendo ninguén". Na mesma liña fala Suso Martínez, que sinala que o PG "ten que conectar con ese sector da sociedade que piden unha mensaxe nacionalista, moderada, tranquila, e que non se sinte representada polo nacionalismo imperante, o do BNG, nin coa súa actuación desde o acceso á Xunta".


4,33/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: