Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Rosa Sánchez, do laboratorio Kònic thtr

"Nótase un interese forte da escena galega polas novas tecnoloxías"

Están a impartir durante este ano un obradoiro de tecnoloxías da información e a comunicación para revolucionar a expresividade as artes escénicas.

M. del Río - 09:30 11/11/2007
Un momento da actividade de Kònic thtr / Foto: Guix e Adolf Alcañiz

Un momento da actividade de Kònic thtr / Foto: Guix e Adolf Alcañiz

Kònic thtr está a impartir en Compostela o curso A escena aumentada: Galiza, organizado polo Centro de Creación Contemporánea (CCC) do Centro Dramático Galego (CDG) e que se desenvolve, durante un ano, no Salón Teatro de Compostela. Rosa Sánchez, coruñesa afincada en Barcelona, é codirectora do laboratorio xunto a Alain Baumann, que aspira a introducir as novas tecnoloxías na expresividade escénica.

Vieiros: Cal é o obxectivo deste curso?

Rosa Sánchez: É un obradoiro de novas tecnoloxías, de técnicas do xeito de interpretar para a escena contemporánea. Estamos a traballar cunha ducia de persoas que proceden de ámbitos profesionais moi distintos: músicos, informáticos, xente de teatro... Ofrecémoslles ferramentas e linguaxes típicas do mundo da escena, complementos de creación a tempo real de ruído e música, de fusión e de posta en práctica destas linguaxes, interpretacións e experiencias coreográficas. É un proceso longo, dun ano, con catro encontros, para que a xente poida seguir traballando ao longo do tempo e que teñan unha orientación nos períodos en que nós non estamos con eles, e remata en novembro do ano que vén presentando no Salón Teatro unha peza técnica.

Hai algunha dificultade en impartir o obradoiro, habendo participantes de procedencias tan variadas?

Un dos aspectos diferenciais do obradoiro é o poder contar con profesionais tan diferentes. Como temos xa experiencia, concentramos prácticas intensivas con dispositivos que lles permitan entender máis as linguaxes que lles propoñemos, e tamén os instruímos no uso do software. Todo o mundo está moi interesado e ten un nivel profesional moi alto. Queremos que todos poidan aprender de todos e asemade achegar aspectos da súa profesión.

Que técnicas están a empregar?

Usamos, por unha parte a composición da narrativa, coreografía e dramaturxia, mediante lecturas interactivas, que é unha especificidade que marcamos especialmente. Traballamos coa intervención do corpo humano en escena e coa información dixital, e no xeito de consolidar a relación entre o intérprete e a composición que se fai en escena. Para iso empregamos a información dixital, mediante a captura de datos por medio de cámaras de vídeo ou sensores, para recibir aspectos físicos, xestos, movementos, ou ben outros datos de tipo fisiolóxico, como a temperatura do corpo do intérprete. Cáptanse os datos ao tempo que se están emitindo. Usamos diferente software de autor que creamos nós para que poidan cumprir unha función ao tempo de interpretar ou amosar os datos, que van influíndo na representación de infografías 3D, vídeo, son, luz... por medio dos movementos que realizan os intérpretes.

Como pode cambiar o mundo da interpretación co uso de novas tecnoloxías?

As novas tecnoloxías poden abrir un novo camiño na escena. Hai que distinguir o audiovisual como tal, que xa se utiliza de abondo, da comunicación interactiva aplicada á interpretación que propoñemos. É máis dinámica e aínda están por facer moitas cousas, como o uso de dispositivos de rede sen fíos, que poden facer que a xente en escena empece a ver con outros ollos esta tecnoloxía. Buscamos o aumento da expresión do intérprete, que a xente xere un potencial forte de expresividade, de comunicación, de novas dramaturxias na escena. Hai moito que facer e virá moi rápido, como se incorporaron as novidades tecnolóxicas á sociedade. Por exemplo, a xente asumiu sen problemas innovacións como os móbiles. A escena vai máis lenta.

E esas innovacións non serven tamén para aumentar a relación co público?

A relación co público nestas linguaxes de comunicación interactiva aínda ten que desenvolverse máis, porque a estrutura dos teatros fai máis difícil cambiar as xerarquías que coñecemos na relación entre o público e os actores. Os espazos non permiten que xurda outra comunicación interactiva, e ademais a tecnoloxía tampouco deixa, polo de agora, comunicarse co público dun xeito efectivo. Kònia está a traballar en proxectos híbridos e noutro tipo de participación, abrindo os procesos ao público, porque tamén hai unha parte da formación que está pendente: a educación da audiencia, facela cómplice do que se está a facer na escena. Parécenos un nivel básico do proceso que estamos a facer.

Como ve o uso das novas tecnoloxías na escena de Galiza?

Creo que hai que facer a distinción cos medios audiovisuais, que están xa integrados na escena galega, pero a adaptación das novas tecnoloxías en tempo real e interactivas, aínda está empezando e non teño referencias dese tipo de proxectos na escena galega. Pero nótase un interese forte nestes últimos anos, da vontade de incorporarse á actualidade. Penso que nalgúns aspectos haberá achegas máis novidosas que noutras estruturas que levan máis tempo ou xurdirá unha mentalidade moito máis nova. Vexo un futuro prometedor.

É esta a súa primeira experiencia deste tipo?

Non. Levamos xa moito tempo facendo laboratorios, formación e investigación. Para nós hai un aspecto moi importante que ten que ver co I+D+i para a sociedade. Pensamos que no ámbito escénico aínda hai moito que facer. Temos experiencia na aplicación do I+D+i para as artes escénicas. Levamos facendo laboratorios interactivos dende hai moitos anos. Xa o faciamos en Cataluña e nunha rede eurorrexional entre o sur de Francia e Cataluña. E, despois, levámolo a diversos países do mundo.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: