Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Modesto Fraga, escritor

"O poder da poesía radica na transmisión dos sentimentos"

O escritor fisterrá vén de publicar o seu último libro de poesía. En Derrota con raíces retoma a temática amorosa pero mostra tamén a súa faceta máis combativa.

Lucía Iglesias - 09:30 11/11/2007

Tras varios anos sen sacar nada ao prelo, Modesto Fraga volve á palestra literaria con Derrotas con raíces, unha obra na que reivindica a súa valía como poeta intimista, pero onde tamén amosa as súas inquedanzas sociais. O poeta comentou a Vieiros a súa opinión sobre a poesía galega actual con motivo da publicación do seu último libro.

Podería definirme a poesía do noso país nunha soa verba?

É difícil, pero creo que podería definila como efervescencia, ilusión. Creo que estamos nun momento de moita ilusión para as nosas letras. Na actualidade conviven autores dos 50, Ferrín, os poetas dos 80 e dos 90... Penso que nunca antes houbo tanta diversidade e calidade nun mesmo momento histórico. A nosa poesía é moi vigorosa e activa, existe ademais unha boa relación entre os poetas.

Acaba de publicar un libro para a colección Edoy Leliadoura, herdeira da orixinaria Leliadoura xurdida en 1985. Que cambiou na cultura poética galega dende aquela até o de agora?


O que cambiaron sobre todo foron as temáticas. Hoxe en día temos novos enfoques, novas miradas, unha nova arte poética... Déronse pasos importantes e penso que estamos nun bo momento, os novos escritores bebemos todos das mesmas fontes, tamén das temáticas medievais que son a referencia do título da colección. O panorama actual abarca un abano moi diverso, trátanse temas que antes non tíñamos tratado, a poesía en Galiza é algo latente, moi vivo.

E que pensa sobre o apoio que as institucións están dando a literatura galega?

Sempre é bo este tipo de apoio. Dende a palabra, un país ten que medrar e ir recollendo os froitos da semente plantada, e máis nunha literatura como a nosa, con tanta historia. A verdade é que ultimamente as administracións están a impulsar a literatura galega e a promocionar a nosa cultura alén das fronteiras a través de diferentes proxectos como a Lei do Libro e da Lectura, por parte da Consellaría de Cultura.

Existe un público estábel para a poesía actual?

Existe a percepción de que a sociedade non le poesía, pero eu penso que isto non é certo. É moi difícil saber cantas persoas están a ler unha obra, xa que nos últimos anos proliferaron novas e diversas formas de comunicación, como é o caso da Internet. Calquera persoa pode acceder ao mundo da poesía a través da rede, e faise imposíbel medir de maneira exacta o número de lectores. Penso ademais que o importante non é tanto o número de lectores, como a calidade da obra. O poder da poesía radica na transmisión dos sentimentos.

E vostede dirixe a súa poesía cara algún tipo de público?

Penso que a creación artística ten que ter un fondo espiritual individual. A poesía xurde dun momento único e íntimo e vai dirixido a calquera persoa interesada no que eu quero transmitir coa miña poesía ou naqueles textos de temáticas que lles resulten atractivos. Por exemplo, eu trato temas tan diferentes como o amor, a dureza da vida dos mariñeiros, o combate polo noso país... non busco un lector específico. Aínda así, trato de conseguir que a miña obra teña un efecto socializador.

Que futuro lle ve á lírica galega?

A literatura galega atópase actualmente nun momento moi importante, non ten nada que envexar a outras literaturas periféricas como poden ser a catalá ou a éuscara, e refírome á poesía tanto a nivel de calidade como de cantidade. Existen moitos e moi bos poetas, como Méndez Ferrín, que incluso recolleita éxitos a nivel europeo.

Falemos un pouco do seu libro...

Derrota con raíces é un poemario que se fundamenta basicamente arredor de dous eixos, a poesía intimista e a combativa. O primeiro dos dous apartados xa é reiterativo na miña obra, gústame tratar sobre temas amorosos e intimistas e existenciais, é onde me sinto máis cómodo. Vén a entroncar coa liña que viña seguindo nos meus libros anteriores, como Estraño silencio ou Amor salgado. Trataríase esta parte das derrotas que indico no título desta obra.

E as raíces?

Si, nas raíces trato de sacar á luz a miña faceta máis loitadora e combativa. É unha reivindicación da cultura e da historia de Galiza, pretendo evocar os motivos que están presentes no día a día e mostrar a todo o mundo que a nosa cultura non desmerece con respecto de ningunha outra.

Que ten de particular o libro con respecto ás súas obras anteriores?

O máis novidoso está na estrutura. Derrotas con raíces está dividido en seis epígrafes, que abranguen diversas temáticas e que se resumen nas dúas anteriores: a poesía intimista e a combativa. Trato temas tan importantes como a labor realizada por Castelao ou Alexandre Bóveda, dedico un apartado á metapoesía, e tamén inclúo poemas como homenaxe aos mariñeiros.

Xa por último, está a preparar algún outro proxecto?

Polo de agora entreguei a Follas Novas un traballo, trátase de Mar de ausencias, que xa tiña entregado, pero de forma incompleta. Agora conta con textos novos que lle dan profundidade e solidez. Tamén estou a realizar algúns traballos como encargo para a Asociación de Escritores, trátase dunha guía sobre Fisterra, que formará parte dun libro composto por doce roteiros de Galiza.


4,33/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: