O noso percorrido de novembro a xuño será:
NOVEMBRO “Ciclobibliotecas e contacontos”
Gabriela Sanpedro de Ciclobibliotecas colaborará connosco nesta actividade que tratará sobre o fomento da lectura e procurará o acceso aos libros aos cativos dun xeito máis ameno e atractivo. Os temas son moi variopintos, dende contos, até educación solidaria ou temas ambientais.
DECEMBRO “Xoguetes de refugallo”
Deseñaremos os nosos propios xoguetes e agasallos de Nadal a partir de cousas ás que xa non lles damos uso.
XANEIRO “O viveiro”
Plantío de sementes e arboriñas, arrincado de herbas, regas... son tarefas cotiás que o grupo de traballo que xestiona o viveiro anda a desenvolver durante todo o ano. Nesta ocasión queremos contar cos/as nosos/as sapoconchos para que nos axuden a facer parte deste traballo. Faremos estas labouras todos/as xuntas/os e veremos como medraron as sementes e arboriñas plantadas o pasado ano.
FEBREIRO "A enerxía no noso planeta"
Nesta actividade preténdese dar a coñecer as/os cativos/as as principais fontes de enerxía actualmente existentes, explicando cales son prexudiciais para o planeta e cales "inofensivas". Tamén se lles explicará o funcionamento básico dalgunhas enerxías renovábeis, así como a importancia das nosas actividades cotiás no aforro e eficiencia do consumo enerxético.
MARZO “Roteiro parque de Castrelos”
Dentro da iniciativa de coñecer un pouco máis os nosos parques urbanos que comezamos o pasado ano, neste roteiro percorreremos o parque de Castrelos, o que nos permitirá coñecer a fauna e flora que vive nel. Aprenderemos a distinguir as distintas especies de árbores que medran aquí e visitaremos o museo Quiñones de León, situado dentro no parque.
ABRIL "Ecoloxía urbana”
Na actividade de ecoloxía urbana achegarémonos dun xeito máis consciente aos ecosistemas vitais que hai ao noso arredor: fauna coa que convivimos no fogar, nos parques, vexetais que topamos pola rúa... é dicir, formas de vida que se teñen adaptado ao noso particular ecosistema urbano.
Trátase de que os/as máis peques se percaten de que as relacións ecolóxicas teñen lugar en todo momento e en todo lugar (na cidade, no campo, nos bosques, nos mares, nas casas, nos xardíns, etc) e sexan máis conscientes do seu papel fundamental como integrantes deste tipo de ecosistema.
MAIO “As Gándaras de Budiño e ribeiras do Louro”
Esta actividade forma parte dun conxunto de actividades de educación ambiental que pretende garantir que as xeracións futuras valoren na súa xusta medida a riqueza natural deste espazo e a importancia que ten conservalo axeitadamente.
XUÑO “Actividade-festa fin de curso”
Esta actividade aínda está sen deseñar pero podemos asegurar que será unha auténtica festa fin de curso para nenos/as e maiores.