Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Bos Aires

Edición xestionada por Débora Campos
RSS de Bos Aires
A MIL QUILÓMETROS DE BOS AIRES

Un incendio nunha cadea arxentina deixa máis de 30 mortos

Queimados ou asfixiados morreron os 31 detidos dun penal da provincia de Santiago del Estero logo de comezaren eles mesmos o lume para facilitar unha fuga que foi frustrada polas autoridades.

Débora Campos - 14:02 05/11/2007
Imaxe do incendio / Foto: Telam

Imaxe do incendio / Foto: Telam

Trinta e un reclusos dun cárcere da cidade arxentina de Santiago del Estero morreron nas últimas horas asfixiados ou queimados nun incendio provocado por algúns deles para facilitar unha fuga que foi frustrada polas autoridades. O número de vítimas ainda pode ser maior, segundo explicaron nesa provincia que fica a máis de mil quilómetros da cidade de Bos Aires.

O motín comezou sobre as 18:30 do domingo nun pavillón do Penal de Homes, o maior desa provincia arxentina, que alberga 467 reclusos, a maioría procesados sen condena, segundo informaron autoridades gobernamentais e xudiciais. "Tratouse dun motín con intento de fuga que se orixinou no pavillón 2, onde había 42 internos procesados", afirmou o director do estabelecemento, Rodolfo Camaño, quen asegurou que ningún logrou fuxir.

Lume no pavillón
O episodio iniciouse pouco despois do horario de visitas, cando presos do pavillón 2 comezaron a queimar colchóns e móbeis contra as reixas de acceso, iniciando un sinistro que terminou sendo mortal para a maioría deles. Os esforzos dos bombeiros que acudiron ante a urxencia víronse dificultados polo mal funcionamento da autobomba.

O motín estendeuse a outros dous pavillóns, en particular ao 3, contiguo do 2, que continuaba fóra do control das autoridades logo da pasada medianoite deste domingo, aínda que neste caso a queima de sabas e outros elementos non adquiriu magnitude.
Os reclusos enarboraron os habituais reclamos de axilización dos procesos xudiciais, rebaixas de condenas e melloras no réxime de visitas e na alimentación. Algúns familiares tamén se queixaron do que describiron como inacción das autoridades ante o tráfico de drogas no interior do cárcere.

Familiares en crise
Moitos dos mortos foron atopados no baño do pavillón con panos ou trapos mollados improvisados como máscaras contra os gases tóxicos da combustión. O hospital rexional "Ramón Carrillo" atendeu ademais once reclusos e catro policías con principio de asfixia ou queimaduras, e unha media ducia de familiares das vítimas con crises nerviosas.

Uns douscentos familiares dos presos congregáronse nas inmediacións do penal procurando información sobre a sorte dos seus parentes detidos, e decenas deles participaron en tres enfrontamentos coas forzas de seguridade, que chegaron a usar gases lacrimóxenos e balas de goma para dispersalos.


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: