Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Emilio Rodríguez Canas, director técnico de Terras Gauda

“Buscamos afianzar as características singulares do albariño”

As adegas do Rosal empregan un innovador método de selección clonal das mellores plantas.

Redacción - 12:23 01/11/2007
Unha das plantacións da empresa

Unha das plantacións da empresa

Terras Gauda introduciu un método pioneiro de selección xenética de cepas para mellorar a calidade da súa produción. O director técnico das adegas, Emilio Rodríguez, explicou que moi poucas empresas fan esta experimentación e que contaron coa axuda co centro do CSIC en Pontevedra.

Vieiros: En que consiste o procedemento que están a empregar?

Emilio Rodríguez: Trátase dunha selección clonal, que consiste nunha observación inicial de cepas de albariño que se comportan de distinta maneira. Xa no ano 1989 se plantou unha parcela experimental con 115 clons distintos de albariño. Fíxose un estudo de campo das diferenzas entre eles, descartáronse os que tiñan unhas características menos axeitadas e quedamos ao final con 28. O primeiro que se fixo con esa selección foi unha comprobación do ADN para asegurar que se trataba en todos os casos de albariño. Logo fíxose un estudo agronómico, do peso, da resistencia a enfermidades... e despois pasouse a un estudo enolóxico de cada un deses clons por separado. Verificáronse os resultados a nivel analítico e organoléptico e, cruzados eses datos, quedamos con catro clons. Non son absolutamente ideais, por iso son catro e non un, pero pódense combinar á hora de facer plantacións. É algo que se vén facendo dende hai séculos, xa se facía co millo.

É a primeira vez que unha adega fai este tipo de selección?

O proxecto conta coa colaboración do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC). Contactamos con eles para facer o proxecto porque xa empezaron a facer selección clonal na Misión Biolóxica de Pontevedra dende mediados dos anos 80. A nivel empresa, a nosa si que é a única que fixo selección clonal, non só en Galiza senón a nivel estatal. Moi poucas empresas o fan.

E cal foi o obxectivo desta investigación?

O que buscamos é precisamente afianzar as características singulares do albariño. O que conseguimos con isto é que, se queremos plantar nunha zona moi fría dentro das Rías Baixas recorreríamos a un dos clons que teñen unha brotación temperá. Podemos adaptarnos aos terreos e ás condicións climáticas cos distintos tipos de clons que seleccionamos e incluso combinacións deles. En zonas de máis humidade podemos usar clons que son máis resistentes ao mildeu. É unha selección á carta para poder plantar en cada zona determinada, tendo a seguridade de que a uva é albariña. A idea é esa, utilizar para froito, plantación e repoboación mantendo a xenética do albariño.

Van facer algún viño especial con estas uvas selccionadas?

Levamos xa tempo elaborando o viño con parte das plantas deses clons. Non imos facer un viño especial, senón que o que pretendemos é mellorar o que xa temos con eses clons e tentar atenuar as influencias climáticas ou do terreo conseguindo ano tras ano o mesmo tipo de viño.


4,67/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: