Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
Sen permiso e contaminando

Os veciños maniféstanse contra a "pasividade" da administración con Elnosa

"Ineptitude" ou "complicidade"?, preguntan. Sen que lle fose outorgada a Autorización Ambiental Integrada, a empresa debería pechar desde este 30 de outubro. Haberá concentración veciñal este martes.

Redacción - 09:00 30/10/2007

"Diante da pasividade que está a amosar a administración, a Asociación pola Defensa da Ría, APDR, considera que non se pode dilatar indefinidamente esta cuestión, nin por ineptitude nin por complicidade con Elnosa", sostén a plataforma veciñal no comunicado co que se convoca para este martes unha concentración polo peche da factoría. Será ás 20h30 na Praza da Peregrina, en Pontevedra.

Os veciños subliñan a inexistencia até o de agora da Autorización Ambiental Integrada que Elnosa necesita para seguir a súa actividade. Legalmente, e con esa solicitude presuntamente arquivada pola Xunta, desde este martes a empresa non podería seguir funcionando. "Obriga a lei e esixe a maioría", defenden os veciños, convencidos de que a saída da empresa da ría será unha oportunidade para a explotación racional do marisqueo, a pesca e o turismo.

"Á marxe de consideracións legais, a ninguén se lle escapa que non se pode permitir que unha instalación como Elnosa poida continuar cos seus vertidos á ría e á atmósfera", indica Xosé Lois Agrasar Muíños, membro da xunta directiva do colectivo veciñal, desde onde destacan o perigo da contaminación por mercurio, "que lle afecta tanto ás emisións ao aire como aos vertidos na ría". A Asociación pola Defensa da Ría subliña que "só a mobilización popular" será quen de rachar a paralización que amosan as administracións responsábeis.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: