Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Literatura infantil e xuvenil

Miro Villar gaña o Premio Pura e Dora Vázquez

O escritor de Cee faise coa quinta edición deste premio ourensán de literatura infantil e xuvenil coa obra O nariz de Fiz.

Redacción - 12:08 24/10/2007

Profesor de lingua e literatura galega, crítico literario e escritor, o ceense Miro Villar acaba de acadar o Premio de Literatura Infantil e Xuvenil Pura e Dora Vázquez coa súa primeira novela curta para lectores xuvenís. O nariz de Fiz trata unha serie de valores tan importantes como a amizade ou a familia e relata a historia dun particular "Polgariño galego".

O xurado desta quinta edición do Dora e Pura Vázquez outorgou o premio por unanimidade, alegando a riqueza léxica da obra e o fomento de valores positivos entre a xuventude. O premio, convocado pola Deputación Provincial de Ourense, está dotado con 3.000 euros e mais a publicación da obra. A partir da resolución do gañador da modalidade de literatura, queda aberta a convocatoria para a de ilustración, na que os interesados terán que presentar propostas para O nariz de Fiz, a obra gañadora.

Ampla traxectoria

Miro Villar non é novo no mundo da literatura. Este prolífico autor galego xa ten realizado textos en moitos rexistros, abranguendo dende poesía ou narrativa até ensaio e tradución. No que se refire a literatura infantil e xuvenil, o escritor ceense é autor de obras para nenos de moi curta idade, como Carlota, a marmota; Carlota e a bóla perdida e Carlota e a gaivota patiamarela.

Toda esta obra non pasou desapercibida polos críticos, xa que ao longo da súa carreira, Villar foi galardoado con diferentes premios entre os que se atopan o Tívoli- Europa, en 1998, polo seu poemario Abecedario da desolación. Tamén lle foron recoñecidos o premio Modesto R. Figueiredo e o Pedrón de Ourense.

Outra ceense, neste caso Concha Blanco, converteuse na finalista do concurso, grazas á obra Os poderes máxicos de Aitema.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: