Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
Conclusións das xornadas de reflexión e análise

A Lei da Minaría: norma necesaria pero manifestamente mellorábel

Subliñouse que a reforma da lexislación mineira debe asegurar que as explotacións sexan compatíbeis cos demáis usos do solo e coa protección ambiental.

ADEGA - 14:00 23/10/2007

ADEGA e o Sindicato Labrego Galego organizaron a pasada fin de semana en Vilalba unhas xornadas de información e discusión para debater sobre o proxecto da futura Lei da Minaría de Galiza, nestes intres en tramitación parlamentaria. O encontro reuniu ademáis de labregos/ase ecoloxistas, a un amplo número de afectados polas concesións mineiras da Terra Chá, representantes da Consellaría de Industria, voceiros dos grupos parlamentares e expertos en xeoloxía. Poden baixar aquí as conclusións. (.pdf)

O primeiro día, venres 19, as presidentas de ADEGA e o SLG, Adela Figueroa e Lidia Senra, respectivamente foron as encargadas de inaugurar as xornadas, xunto cun voceiro da Consellaría de Industria. Posteriormente, o Catedrático en Xeoloxía pola UDC, Xoán Ramón Vidal Romaní, fixo unha exposición sobre os impactos da minaría e toda sorte de canteiras no medio natural, nomeadamente, na súa riqueza xeolóxica.

O sábado día 20, deuse conta dos contidos do citado Proxecto de Lei da Minaría galega, a cargo do subdirector xeral de Recursos Minerais da Consellaría de Industria, Xosé Antonio Domínguez Varela, quen celebrou que esta normativa lle daba máis relevancia aos aspectos ambientais que a anterior Lei de Minas do ano 1973, totalmente anticuada e favorábel ao sector empresarial fronte aos intereses colectivos.

O seu relatorio foi seguido das voces de varios veciños que sufriron e aínda están a sofrer as nefastas consecuencias da aplicación da Lei de Minas do 73 pola que moitos dos seus terreos foron expropiados e expoliados. María Pardo Barbeiro falou en representación dos veciños das Encrobas e de Limeisa, afectados pola mina e a contaminación atmosférica da central de Meirama. Henar Román Fernández, presidenta da Comunidade de Montes de Man Común de A Labrada, en Abadín, deu voz aos afectados pola mina ilegas de Ingemarga. Tamén explicaron a súa situación os veciños da Terra Chá, afectados polas tres concesións de extración de cuarzo á empresa Erimsa, e Orlando Álvarez, vicepresidente de SOS Courel e contrario á actividade de Cupire Padesa na montaña lucense.

Daniel López Vispo, por ADEGA e Margarida Prieto Ledo, polo SLG, non deixaron de expoñer os aspectos positivos que se introducen neste proxecto de Lei no referente á protección ambiental e á sustentabilidade da actividade mineira, á planificación mineira através do correspondente Plano da Minaría, á participación cidadá no deseño e aplicación da política mineira a través do Consello Galego da Minaría, á participación da poboación das zonas mineiras nos beneficios da minaría e, en fín, ao peche en Galiza de todo o ciclo productivo para rematar coa expoliación dos nosos recurso naturais que viñeron practicando até agora a maioría das empresas do sector mineiro. Deseguido criticaron as incoerencias en que incurría este proxecto de Lei ao levantar, a través da modificación da Lei do solo, a proibición da minaría en solo rústico de especial protección agropecuaria.

Tanto dende o Sindicato Labrego Galego como dende ADEGA, entendemos que a primeira finalidade do solo agropecuario ten que ser a de producir alimentos e, portanto, ten que resultar incompatible cunha actividade que tan claramente implica a destrución do solo e dos seus hábitats. Desta Lei de Ordenación da Minaría tamén se criticou a apropiación que fai de competencias que son e deben seguir sendo da Consellería de Política Territorial cando propón a sustitución da autorización autonómica por cadaseu informe das consellerías de Medio Rural, Medio Ambiente, Urbanismo e Patrimonio.

Ao final das xornadas elaborouse un borrador de Conclusións que lles será entregado aos grupos parlamentares para que poidan tomalo en consideración, se así o consideran, no trámite do debate parlamentario.

Remataron as xornadas coa lectura das conclusións e agradecendo aos grupos parlamentarios do BNG e do PP alí presentes a súa disponibilidade a reflexionar sobre as conclusións das xornadas e co agradecemento por adiantado aos grupos do governo por ter xa admitido, através dass súas enmendas á Lei, boa parte das consideracións que se debateron ao longo das xornadas.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: