O operario que estivo tres horas subido nunha estrutura metálica do Porto de Vigo asegura que a empresa non cotizou por el.
Ricardo Vilas afirma que tomou a decisión de subir até unha grúa de 30 metros para denunciar a difícil situación na que vive. Segundo asegura, a empresa na que traballaba, Garma Carretillas Industriales, tívoo ano e medio sen cotizar á Seguridade Social e posteriormente prescindiu do seu servizo.
O operario subiuse á grúa, instalada no Porto de Vigo, ás 7.30 horas da mañá deste luns e pemaneceu na estrutura metálica durante tres horas. O traballador sinalou que en ningún momento pensou en suicidarse e só quería protestar polo abuso empresarial.
Responsábeis da empresa Garma recoñeceron que estivera empregado na empresa pero a través unha axencia de traballo temporal e que o seu contrato se renovaba cada vez que chegaba un barco ao porto para facer labores de carga e descarga. Sosteñen que se prescindiu dos seus servizos polo seu “estado de saúde”.