Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Irlanda

Edición xestionada por María Golpe
RSS de Irlanda
Os libros tamén arden mal en Dublín

Manuel Rivas sinala que "segue habendo un fume que busca o control das mentes"

“Unha viaxe pola historia dramática da cultura”, así define Manuel Rivas a súa novela ‘Os Libros arden mal’. En galego, en inglés e en español. Rivas leu fragmentos da novela en Dublín.

María Golpe - 09:00 09/10/2007

Rivas repasou fragmentos da novela en Dublín, acompañado polo director do Centro de Estudos Galegos da Universidade de Cork, David McKenzie. "Dende o meu punto de vista a literatura moderna non precisa de crítica nin de teoría literaria, e o propio leitor é quen de le-lo libro e formular a súa opinión, tan digna como calquera opinión dun crítico de profesión", dixo David McKenzie, quen louvou a capacidade de invención e de imaxinación de Rivas, "un grande escritor, que logra en tódalas obras que escrebe unhas páxinas que che deixan atónito de pura admiración, se es crítico, e de fonda emoción se o les por diversión ou lecer".

Preto de corenta persoas acudiron á lectura, organizada polo Instituto Cervantes dentro do ciclo ‘Lenguas de España’.

Rivas falou das queimas de libros feitas polos falanxistas na Coruña ao comezo da Guerra Civil, parte do eixo narrativo de ‘Os libros arden mal’. "As queimas de libros son feitas xeralmente por elites cultas, nunha especie de ritual, case sempre en nome dunha nova civilización. A cultura ten máscaras diferentes e algunhas delas convértense no seu peor inimigo" explicou o autor. "As queimas non foron actos espontáneos, feitas por masas nun momento de confusión ou nun acto de ira. Foron actos preparados, case como unha liturxia, un ritual".

O fume desas queimas de libros na Coruña do 36, así como as de Berlín nos anos 30 e Arxentina hai un par de décadas, é un fume "diferente", que chega a todos os sitios e que tarda en marchar. Tristemente, segundo o autor, aínda "segue habendo un fume que busca o control das mentes".


4,85/5 (20 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: