Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Benigno López mete a zoca outra vez

Rego avísalle ao Valedor de que non debera amosar "posicións partidarias"

O Valedor do Pobo falou criticamente da figura do Valedor do Paciente. Desde o PSdeG, Ismael Rego pediulle que non se tente involucrar "en leis que aínda nin chegaron ao Parlamento".

Redacción - 09:30 06/10/2007

A xuntanza este venres do Valedor do Pobo, Benigno López, co presidente do PPdeG, Alberte Núñez Feijoo, trouxo unha nova polémica protagonizada polo primeiro, recentemente chegado ao cargo. Así, López valorou criticamente a figura do Valedor do Paciente, proxectada pola Xunta, e afirmou que a institución que el mesmo presidente non debía ver afectadas as súas competencias en materia de sanidade. Insistiu Benigno López en que en ningún caso a figura do Valedor do Paciente debera estar ao mesmo nivel que a do Valedor do Pobo neste ámbito específico.

Recoñeceu con todo que aínda non se decidiu sobre o modelo desta nova figura a crear proximamente polo bipartito. Ao respecto, a Xunta podería mesmo integrar o Valedor do Paciente dentro da estrutura do Valedor do Pobo, que na actualidade recibe de feito a maior parte das queixas sobre o ámbito da actuación sanitaria, ou ben se trataría dunha estreita colaboración aínda sendo figuras independentes, ou mesmo se poderían funcionar como entidades completamente independentes. Así, o actual Valedor do Pobo, quen lembrou a amizade que o une con Núñez Feijoo desde hai máis de vinte anos, coincidiu co líder do PPdeG en pedir que a do Valedor do Paciente en ningún caso sexa unha figura equiparábel.

Sorpresa na Consellaría de Sanidade
Desde a Xunta, a Consellaría de Sanidade comunicaba este venres a súa sorpresa polo apoio do PpdeG á posíbel integración do Valedor do Paciente na estrutura do Valedor do Pobo, no canto de convertela en institución dependente da administración sanitaria. Lembran desde Sanidade que os propios populares propuxeran hai xa catro anos que a nova entidade se integrase en Sanidade. "Semella que Feijoo descoñece a proposta formulada polo seu propio partido en 2003", avalían desde Sanidade. Ao respecto, recordan que a Xunta coincidiría co criterio do Valedor e que o anteproxecto de Lei de Saúde de Galicia inclúe a creación dun vicevaledor específico para tratar as queixas dos pacientes" dentro desta institución.

Rego túrralle das orellas a López
"É un precedente pouco gratificante", considerou o voceiro do grupo parlamentario do PSdeG ao respecto das declaracións de Benigno López esta sexta feira. Rego laoiuse de que o Valedor do Pobo tratase de "involucrarse en posicionamentos partidarios sobre textos lexislativos que aínda non foron remitidos ao Parlamento".

Ao respecto, queixouse tamén de que o líder do PPdeG pretendese "instrumentalizar" a institución, para defender un posicionamento concreto sobre un texto lexislativo no que aínda traballa o Goberno.


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: