Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Ameaza con mobilizacións

A Mesa esíxelle ao Valedor a súa dimisión se non rectifica as súas declaracións sobre o galego

Solicita unha xuntanza con Benigno López para que "aclare se ten algún tipo de fobia contra o idioma do país".

Redacción - 17:30 13/08/2007

A Mesa pola Normalización Lingüística esixiulle este luns ao novo Valedor do Pobo, Benigno Sánchez, que rectifique as súas declaracións sobre o galego ou, de non facelo, que presente a súa dimisión.

Ademais, de non frutificaren as súas reclamacións, a Mesa ameaza cunha campaña específica de mobilizacións.

O presidente deste colectivo, Carlos Callón, proclamou que "non deixará pasar estas afirmacións", onde "cuestionaba o uso do galego, na Xustiza, no ensino, a dobraxe de películas...". "Non é un tema menor; é quen ten que defender os dereitos de todos os cidadáns, tamén os lingüísticos", sentenciou.

Xa que logo, informou de que solicitaran unha entrevista con Benigno López, onde, ademais de pedirlle que rectifique publicamente, daranlle a coñecer "todas as vulneracións dos dereitos lingüísticos" que se producen en Galiza.

Xuntanza cos grupos da Cámara

Tamén reclamarán que defenda o uso do galego e difunda a súa normalización e que "aclare se ten algún tipo de fobia contra o idioma do país". Neste senso, asegurou que nas súas sentenzas como xuíz, o novo Valedor databa os escritos "na cidade na que ten sede este tribunal, por non escribir o único topónimo oficial", A Coruña.

Ademais, Callón afirmou que "cada día a súa situación é máis insostíbel" polo que, en última instancia, se reunirán cos grupos parlamentarios e coa presidenta da Cámara, Dolores Villarino, para esixir a súa destitución, xa que é o Parlamento o que decide este cargo.

Así mesmo, tamén se referiu ao "silencio" da Secretaría Xeral de Política Lingüística e doutras institucións, como a Real Academia Galega (RAG) sobre esta cuestión. "Haberá que preguntarlles a eles por que non se posicionan, esperemos que o fagan", aseverou.

Críticas a unha agrupación da Garda Civil

Por outra parte, o presidente da Mesa pronunciouse con respecto á polémica xurdida estes días polas críticas dunha asociación de gardas civís ás esixencias do BNG, para que os cidadáns poidan cursar as súas denuncias en galego. Así, censurou a esta agrupación (UFGC), que cualificou de "moi minoritaria e non representativa", e saudou o pronunciamento doutro colectivo (ASIGC) en favor do idioma de país.

Porén, lembrou que as administracións "deben financiar a formación necesaria" para que os axentes estean en disposición de atender os cidadáns en ambas as dúas linguas. De feito, denunciou que no ámbito dos corpos de seguridade a presenza do galego se atopa "moi por debaixo dos mínimos da cooficialidade".

Nesta liña, aludiu a varios casos, "acontecidos este mesmo ano, non hai 30", nos que algunhas persoas "se atoparon con problemas e impedimentos" para presentar as súas denuncias no idioma propio. Puxo o exemplo de varias policías locais e da Policía Nacional en Santiago, onde padeceu esta situación en primeira persoa, segundo denunciou.


4,94/5 (18 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: