Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Xaquín Marín

"O humor galego pérdese, precisamos recuperar a retranca"

Unha das figuras referenciais do humorismo gráfico en Galiza pasou por Compostela para presentar o seu novo libro, 'Cen + cen pés'. Antes, achegouse até Vieiros, onde puidemos falar con el (e mesmo quedamos cun dos seus 'pés').

Antía Rodríguez / Lara Rozados - 11:46 27/09/2007



Vieiros: Como comezou no mundo do humorismo gráfico?


Xaquín Marín: Comecei querendo ser pintor, pero tamén hai que debuxar... Así que empecei expoñendo en mostras colectivas e individuais. Algúns críticos chegaban a dicir que quería contar demasiadas cousas na pintura. Nunha conversa con Raimundo Patiño (coautor, xunto con Marín, de Dúas viaxes, primeiro álbum galego, publicado no 75), falamos do cómic. A pintura era unha cousa para elites e o cómic máis popular, así que empecei a facer os primeiros cómics. Mandeinos á revista Chan, en Madrid e contestoume Perfecto Conde, que era redactor. Publicáronmo e pagáronmo, e nada mal. Iso determinou a miña vocación, que pagasen.

V.: E os "pés"? Como se levaba o humorismo gráfico en tempos de censura?

X.M.: Leveinos a Triunfo, a revista máis atrevida de entón, e dixéronme que eran impublicábeis. O meu primeiro libro, Cen pés, foi levado á censura dúas veces, e dixeran que era "No recomendable en su totalidad". En cambio, en La Codorniz, que era máis de dereitas e vivindo Franco, publicáronme un pé na portada.

Publiquei nalgúns sitios onde non me pagaban: SP, dirixida por José Antonio Girón, que era falanxista, Gaceta Universitaria... Despois chegou aquel primeiro álbum con Patiño, entrei en El Ideal Gallego, e comecei a publicar en varios sitios: Teima, A Nosa Terra... Ao cabo dos anos entrei en La Voz e alí sigo.

V.: E se tivese que pensar nos momentos clave da súa carreira, cales serían?

X.M.: Unha exposición antolóxica que fixeron en Ferrol hai uns anos. Na inauguración había moitos amigos, foi toda unha homenaxe. E o feito de que hoxe (mércores 26 de setembro) me presente Barreiro (Rivas), é para min un fito.

V.: Cales son, dos seus personaxes, aos que máis cariño lles ten?

X.M.: Sempre penso que é o último que acabo de facer... Pero imaxino que Gaspariño, foi o primeiro e durou bastantes anos, editáronse dous libros e tivo bastante éxito. Mesmo hai dous sinais de tráfico en Malpica dos de "precaución: escola", coa imaxe de Gaspariño.

V.: Gústanlle máis os personaxes arquetípicos cás caricaturas... lembra un pouco a Castelao. Cales eran as súas referencias cando comezou a debuxar?

X.M.: De Castelao, a verdade, pouco sabía cando comecei. Pero gustábanme moitos debuxantes... Boixcar, de Hazañas Bélicas, Mingote, que daquela publicaba na Codorniz, Topor... E de hoxe en día, gústame El Roto.

V.: Falando da actualidade... Como é o humorismo gráfico na prensa de hoxe?

X.M.: Pois cada vez ten menor tamaño e importancia o debuxo, unha mala estratexia, porque o que máis le a xente son as viñetas e as necrolóxicas, é o que se recorta e se pon nas paredes dos bares. Por outra parte, só debuxan na prensa uns poucos, e é inevitábel. Levan moito tempo neses postos e non entra xente nova, pero hai xente como Quesada, que leva toda a vida, e segue a ser moi gracioso.

V.: E se pensamos no humor en Galiza?

X.M.: O cómic está na súa idade de ouro, pero o humor non tanto. A banda deseñada conta historias moi tristes, eu fun xurado dalgún premio e hai historias que dan gana de chorar. Pero e que no propio Estado non hai nada, non sendo El Jueves, que non ten nada que ver connosco. Iso si, temos dúas revistas, BD e Barsowia, do colectivo Polaqia, e chegamos a tirar nada menos que 100.000 exemplares de Golfiño.

V.: Pero o que é humor propiamente...

X.M.: Publicacións puramente humorísticas, ningunha. Estase perdendo moito a retranca. Houbo algún intento, como Xatentendo, que non sei por que a pecharon, Sapoconcho, que editabamos dende o Museo, pero pechou por non haber cartos e quen a fixera...

V.: Falta apoio das editoriais ou das institucións ao cómic galego?

X.M.: Edítase pouco, porque hai que ter en conta que é un material que leva moito tempo facer, pero moi pouco ler. Non lles paga a pena.

V.: Antes falou do Museo do Humor de Fene... Como naceu a idea (fundouse en 1984) e como foi a súa evolución até hoxe?

X.M.: Pois naceu un pouco a raíz de todo isto que vos conto: o humor galego está a perderse, a ancorarse no pasado, non vai para diante. Así reunimos todo o que había no Museo.

E agora, a situación actual é que está durmido, non hai persoal que teña conta del. A min fóiseme calmando o entusiasmo do comezo, e as sucesivas administracións falaron de dinamizalo, pero aínda non se viron resultados. Mesmo os Premios Curuxa, ultimamente, organizábaos eu só, pedíndolle axuda a amigos ou familiares.

V.: Unha teima sempre presente nos seus debuxos foi a defensa da lingua. Mesmo nos libros de texto de galego introducen, dende hai tempo, unha chea de historias de Gaspariño, aquel pícaro intelixente que tantas veces filosofaba sobre o tema, ou historias da propia lingua. Que capacidade ten o cómic como elemento normalizador?

X.M.: Non ha ter tanta cando hai tantos inimigos do galego. Os galegos temos algo de suicidas: estamos contra a nosa lingua, contra o noso acento, contra nós mesmos. Eu era castelán falante, pero cando vivín en Madrid deime conta de que había que falar galego, que era o noso xeito de identificarnos. Xenaro Marinhas del Valle dicía que un pobo existe cando ten un recado que mandarlle aos outros.

V.: Unha curiosidade: canto tarda en debuxar, por exemplo, un Fraga?

X.M.: Poucos Fraga fixen eu! Depende, ás veces atravésase... Podo tardar case nada e pode estenderse até o infinito...


5/5 (14 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xaquín Marín comeza a facer un pé na presentación de "Cen + cen pés". Foto: Antía Rodríguez
Xaquín Marín comeza a facer un pé na presentación de "Cen + cen pés". Foto: Antía Rodríguez