Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Conflito en Oriente Próximo

A comunidade internacional condena as declaracións belicistas contra Irán

Varios líderes expresan a Francia o seu firme rexeitamento ao emprego da forza. O ministro de exteriores galo matiza as súas palabras e atopa o apoio de Holanda e Portugal para as sancións.

Redacción - 10:45 19/09/2007

Rusia e China, países ambos con dereito a veto no Consello de Seguridade da ONU, saíron este martes en defensa de Irán rexeitando a posibilidade de recorrer a unha acción militar contra o país persa ou de estabelecer novas sancións unilaterais. Facían referencia deste xeito ás declaracións do ministro de Asuntos Exteriores francés, Bernard Kouchner, quen asegurou a pasada fin de semana que hai que estar "preparados para o peor, a guerra".

"Estamos convencidos de que ningún problema moderno ten solución militar, e isto vale tamén para o programa nuclear iraniano", declarou o seu homólogo ruso Serguei Lavrov nunha rolda de prensa conxunta co implicado, de visita no país. "Estamos seriamente preocupados polas informacións cada vez máis frecuentes de que se está pensando seriamente nunha acción militar contra Irán", proseguiu.

"Non quero que se diga de min que son un belicista!" afirmou o xefe da diplomacia francesa no diario Le Monde suavizando as súas palabras pouco antes de partir cara a Moscova. "A miña mensaxe era unha mensaxe de paz, de gravidade e de determinación... A peor situación sería a guerra. Para evitala, a actitude francesa será a de negociar, negociar, negociar, sen medo a ser febles e falando con firmeza sobre as sancións".

Certo respaldo de Portugal e Holanda

Neste punto, Kouchner atopou o respaldo do primeiro ministro de Portugal, José Sócrates, quen esta cuarta feira admitiu que a Unión Europea debe recorrer "a todas as formas de sancións" contra Irán, no caso de que este non respecte as leis internacionais sobre enerxía nuclear.

Neste contexto Francia e Holanda anunciaron o martes un acordo para tentaren convencer o maior número posíbel de países de aprobaren a aplicación de novas sancións contra Irán, fóra das que xa contemple a ONU.

Críticas de China e do secretario xeral da ONU

Pola súa banda, China tamén rexeitou a opción da forza. O portavoz do seu Ministerio de Exteriores subliñou que nas cuestións internacionais "deberiamos evitar ameazar a outros con accións militares". "Cremos que as negociacións serían a mellor opción para os intereses da comunidade internacional", subliñou.

Tamén o secretario xeral da ONU, Ban Ki-moon, reiterou que a única vía para resolver a disputa é o diálogo pacífico e a transparencia de Irán co Organismo Internacional da Enerxía Atómica (OIEA).

O presidente iraniano, Mahmud Ahmadineyad, asegurou que non se toma "en serio" as polémicas declaracións de Kouchner que deron pé á actual fase da tormenta internacional sobre Irán.


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: