Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Conflito en Oriente Próximo

O ministro francés de Asuntos Exteriores pon a Irán no punto de mira

Bernard Kouchner propuxo sancións da UE contra Teherán, á marxe das que poida aprobar a ONU. Este luns comeza en Viena a 51ª Conferencia Xeral do OIEA.

Redacción - 14:05 17/09/2007
Bernard Kouchner

Bernard Kouchner

"Cómpre prepararse para o peor", afirmou o ministro francés de Asuntos Exteriores, Bernard Kouchner, durante unha entrevista na cadea de televisión gala LCI. Preguntado sobre que quería dicir con "o peor", respondeu: "A guerra".

No entanto, matizou que non é algo que vaia suceder polo momento: "Non hai ningún sinal que nos permita pensar en preparativos militares para un próximo bombardeo de Irán, mais é normal que fagamos plans".

O Executivo francés estase a converter no substituto de Tony Blair como aliado dos plans bélicos de Washington en Europa. Kouchner recalcou que "non aceptaremos que esa bomba se constrúa", en referencia ao programa de enriquecemento de uranio do goberno de Teherán.

O xefe da diplomacia francesa propuxo ademais que a Unión Europea prepare sancións contra Teherán á marxe da ONU. "Os nosos amigos alemáns propuxérono", afirmou, e precisou que serían sancións económicas nos circuítos financeiros, que afectarían sobre todo a "grandes fortunas e bancos" en Irán, "non á poboación media".

Conferencia Xeral do OIEA

Pola súa banda, Irán afirmou que revisará a súa colaboración co Organismo Internacional da Enerxía Atómica (OIEA) se o Consello de Seguridade da ONU aproba unha nova resolución contra o país, segundo afirmou o voceiro do Ministerio de Asuntos Exteriores, Mohamed Ali Hoseini.

O programa nuclear de Irán volverá centrar a atención internacional na 51ª Conferencia Xeral do OIEA, que comeza este luns en Viena.


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: