Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Investigación da xestión no Gaiás

"Non pode haber simetría de comparecencias porque non a houbo nas adxudicacións"

Antes de fin de mes coñecerase a lista definitiva dos chamados a declarar na Comisión da Cidade da Cultura. O socialista Fernández Leiceaga critica a táctica do PPdeG, que busca implicar por igual a membros do anterior e do actual goberno.

Fernando Arrizado - 19:10 17/09/2007

A Comisión de Investigación sobre as actuacións públicas referidas a Cidade da Cultura quedou formalmente constituída este luns no Parlamento. Neste primeiro día de traballo, os tres grupos -PPdeG, PSdeG e BNG- aprobaron por unanimidade as súas normas de funcionamento así como os representantes da súa Mesa. A nacionalista Ana Pontón será a presidenta, e estará acompañada polo socialista Francisco Cerviño como vicepresidente e o popular Miguel Santalices como secretario.

A vontade dos tres grupos parlamentarios é a de ter un ditame antes de finalizar o ano. Porén, os traballos de investigación realizaranse sen limitación temporal, en contra da proposta do PPdeG, que inicialmente propuxo que rematasen antes de esgotar o actual período de sesións, é dicir, en decembro.

Manuel Ruíz Rivas, voceiro do PPdeG no Parlamento, afirmou que "en ningún caso adoptariamos ningunha medida que fose no camiño de entorpecer ou vetar o traballo da comisión, mais non debemos permitir que condicione toda a actividade parlamentaria". "É por iso que cómpre darlle a máxima celeridade", engadiu, e destacou que finalmente "facilitamos a constitución da comisión e a aprobación da norma de traballo".

Ana Pontón coincidiu con Ruiz Rivas na necesidade de "axilizar" a investigación, mais "sen pórlle límites", aínda que insistiu en que a finais de ano se puidesen presentar conclusións.

Nesta liña concorda tamén o voceiro parlamentario do PSdeG, Xaquín Fernández Leiceaga, quen argumentou que "nós queremos que os traballos rematen neste período de sesións". No entanto, "non queríamos pillarnos as mans oficialmente ao colocar un prazo restrinxido", para "evitar que algunhas persoas utilizasen unha estratexia de dilación para non ter que comparecer".

Comparecentes

Os tres grupos parlamentarios presentarán a principios da semana que vén cadansúa lista de comparecentes e plan de traballo. A Comisión refundirá as propostas nunha única e definitiva, que posibelmente estará preparada contra ese venres. Xa que logo, está previsto que os chamados a declarar o fagan nos primeiros días de outubro.

Ruiz Rivas sinalou que o seu grupo aínda non valorou até que grado de alto cargo solicitarán que compareza na Comisión, mais si ten claro que "houbo dous gobernos" na xestión da Cidade da Cultura e que "é lóxico que se se chamado un director xeral da anterior Xunta, nós tamén chamemos o equivalente nesta".

Leiceaga, dixo ao respecto que "ao igual que xa dixen o outro día, esta 'tese da simetría' sería mellor chamala da vendetta". O socialista afirma que houbo dous gobernos, "un, o anterior, que comprometeu 380 millóns de euros -douscentos e pico adicionais-, e outro, o actual, que trata de xestionar a desfeita". "É evidente que non pode haber simetría de comparecencias, porque non houbo simetría nas adxudicacións", sinalou.

Pola súa banda, Ana Pontón, apuntou algúns dos responsábeis que, ademais do ex presidente do Goberno, Manuel Fraga, deberán de comparecer perante a Comisión, e nos que tamén coincidiu o voceiro socialista. Entre outros, os antigos xerente e director económico da Cidade da Cultura ou os ex conselleiros de Cultura e de Economía, Xesús Pérez Varela e Xosé Antón Orza; mais tamén, os actuais, a nacionalista Ánxela Bugallo -quen este mesmo luns asegurou que comparecerá "sen problemas" e amosou a súa esperanza de que "ningún responsábel do anterior goberno o teña"- e o socialista Xosé Fernández Antonio.


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: