O deputado nacionalista Bieito Lobeira, que presentou esta iniciativa, afirma que "non é moi normal que Galiza non teña capacidade de decidir sobre augas interiores".
O Ministerio de Defensa respondeu que xa desafectou a Illa do seu carácter militar. Xa que logo, a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar reclama agora a súa titularidade para a Xunta, "por razóns de utilidade pública e interese social".
O uso público e a preservación do medio ambiente da Illa centran os esforzos que se realizarán para "devolvérllela aos cidadáns". Como nos indica Bieito Lobeira, a situación da illa é bastante estraña: Tambo, no medio da Ría de Pontevedra, leva servindo dende 1943 como arsenal do Exército español.
"Co franquismo, a Armada española anexouna á Escola militar de Marín, cando a illa sempre tivo uso para o gando ou o aproveitamento agrario por parte de habitantes de Combarro. Na práctica nunca desempeñou un papel estratéxico militar, e mesmo nos últimos tempos evidenciouse de forma escandalosa que o seu verdadeiro uso é o de praia particular das familias dos militares".
Inclusión no Parque das Illas Atlánticas
No 2002 foi declarada de non interese militar, e abriuse o proceso de desafectación. Mesmo se pensa na posíbel inclusión no Parque Nacional das Illas Atlánticas, malia ao forte desgaste padecido por mor do uso militar e a proximidade do complexo industrial Ence - Elnosa. Así a todo, os fondos mariños precisan de protección.
Sobre a necesidade de competencias sobre o Parque Nacional das Illas Atlánticas, Lobeira engadiu "non é moi normal que Galiza non teña capacidade de decidir sobre augas interiores. Habería que evitar as duplicidades, polas que a Consellaría de Pesca xestiona a explotación dos fondos, pero o Ministerio de Medio Ambiente e o Servizo Marítimo da Garda Civil (polo tanto, o Ministerio do Interior) deciden sobre cadansúa área. Trátase de simplificar, non burocratizar, guiármonos polo sentido común. Temos dereito a decidir sobre as illas".
Situada fronte á vila de Marín, Tambo pertence, porén, ao concello de Poio, mide 28 hectáreas e ten unha altitude de 80 metros. Un faro, tres pequenos embarcadoiros e dúas praias, ademais dalgunha pequena vivenda resisten aínda na Illa. No medievo edificouse o mosteiro bieito de Santa María de Gracia, do que só se conservan a igrexa de San Miguel e a fonte, logo dos ataques do pirata Sir Francis Drake. Tamén existe un sepulcro antropomorfo desta época. Pódese atopar máis información sobre a Illa na Galipedia ou mirando este documental, con guión e dirección de Julio Rodríguez, produción de J.C. Pérez.