Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
En solidariedade cos encerrados no consistorio

Máis de duascentas persoas marchan a pé cara a Mugardos contra Reganosa

A Xunta remite ao goberno español para dicir que a planta "cumpre cos requisitos". Os afectados viaxan este sábado á Fonsagrada, onde Zapatero vai dar un mitin.

Redacción - 18:28 24/08/2007

A marcha a pé en solidariedade cos veciños contrarios ao Plan de Emerxencia Exterior de Reganosa, encerrados dende hai un mes na casa do Concello de Mugardos, concentrou este venres un importante número de persoas ao seu inicio, no porto ferrolán de Curuxeiras, entre as que se atopaba a primeira tenente de alcalde de Ferrol, Iolanda Díaz.

Os integrantes, máis dun cento aos que se lles foi sumando xente a medida que avanzaba a comitiva, tiñan previsto chegar a Mugardos ao redor das 20.30 horas, segundo informou o voceiro do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol (CCE), Carmelo Teixeiro. Ademais, esperábase que en Fene se adherise outro abundante grupo de persoas.

Competencia do goberno español

Namentres, dende a Xunta, o conselleiro de Industria, Fernando Blanco, aseguraba este mesmo venres pola mañá que a planta de Reganosa conta con "todos os requisitos legais" para permanecer aberta, tal e como "sinalou o goberno central" que "é quen ten a capacidade para autorizar a súa apertura".

Neste senso, Blanco explicou que dende a consellaría que el dirixe, as competencias se limitan ao plan de seguridade interior, que tamén "se está a desenvolver de acordo aos requisitos legais" correspondentes.

Zapatero na Fonsagrada

Por outra banda, unha representación dos veciños que permanecen encerrados no Concello de Mugardos viaxará á Fonsagrada, onde o presidente do goberno español, José Luis Rodríguez Zapatero, acudirá a un xantar-mitin.

O seu obxectivo é que o mandatario "tome conciencia", coa súa presenza, dos "perigos aos que ten exposta á poboación que vive na ría de Ferrol", e rememorarlle a frase que "un galego lle berrou cando gañou as eleccións: Zapatero, non nos falles!".


5/5 (7 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: