Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PRESUNTA EXPLOTACIÓN LABORAL NO MAR

Un barco galego retido en Escocia por pagarlle só 200 euros aos mariñeiros

Os sindicatos alertan que a importación de traballadores indonesios por "soldos irrisorios" é cada vez máis habitual na flota do país.

Manuel Vilas - 13:12 24/08/2007
O barco retido en Ullapool / Foto: BBC

O barco retido en Ullapool / Foto: BBC

As autoridades escocesas teñen retido un barco de capital galego, o 'Enxembre', no porto de Ullapool. A razón é unha denuncia da Federación Internacional de Traballadores do Transporte (ITF) sobre o impago dos salarios a seis mariñeiros indonesios e a un oficial chileno.

Importación de mariñeiros por 200 euros
O arresto comezou a pasada fin de semana. Os traballadores denunciaron daquela ter cobrado 200 euros por un traballo de dez meses, cando nos seus contratos figuran soldos de 800 ao mes.

Luz Baz, representante da ITF en Galiza, explica que os armadores galegos están a traer masivamente mariñeiros do estranxeiro, aos que lles pagan “soldos que descenden ata límites irrisorios, por exemplo aos indonesios é habitual que lles paguen uns 200 euros ao mes”.

As axencias quédanlle coa metade do salario

É máis, a ITF alerta que é habitual que axencias de contratación ofrezan mariñeiros a armadores polo salario mínimo, pero que logo a axencia queda con máis da metade do soldo. De feito, os mariñeiros indonesios tamén denuncian ter abonado uns 400 euros a unha axencia por lograr un traballo a bordo do 'Enxembre'.


Segundo Baz, este tipo de prácticas é polo que aos mariñeiros galegos “non lles compensa” enrolarse nestes barcos.

Vínculos na Coruña e Vigo
Os datos facilitados polo sindicato indican que o barco retido é propiedade da armadora coruñesa 'Elcon Leisure'. Pola súa banda, o xornal escocés 'The Herald' sinala que o pesqueiro ten porto base en Vigo.

O conflito desatouse cando, tras as denuncias, a armadora ordenou ao capitán partir de Ullapool cos mariñeiros a bordo. Ante esta situación, un xulgado de Edimburgo ordenou o seu arresto e que lle desmontasen parte do motor.

Un segundo barco denunciado
O sindicalista da ITF en Escocia, Norrie MacVicar, informou á BBC que hai un segundo pesqueiro, o 'Atlantic E', tamén afectado por denuncias de mariñeiros indonesios. A ITF é a que se está a facer cargo do sustento da tripulación.

O 'Enxembre ' cambiou de nome e bandeira recentemente. Anteriormente chamábase Atalaya e tiña bandeira británica, mentres que agora leva o distintivo das illas caribeñas de Saint Kitt e Nevis, tamén dependentes do Reino Unido .

Bandeira de conveniencia

Luz Baz explica que os armadores a miúdo cambian a bandeira dos buques “por intereses fiscais e de tipo laboral”.

Por último, os medios escoceses informan que os representantes legais dos armadores dixéronlle ao xuíz que é práctica habitual que os mariñeiros reciban o seu soldo unha vez que se termina a marea.


5/5 (19 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: