Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Inaugúrase na Coruña

Un país dende as táboas: 125 anos de teatro galego

A exposición, comisariada por Carlos Biscaínho achégase, a través de imaxes e obxectos e dun xeito didáctico e ameno, aos períodos históricos da actividade dramática galega.

Redacción - 13:38 02/08/2007

O director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará; a delegada da Consellaría na provincia da Coruña, Milagros Lantes, e a concelleira de Cultura, María Xosé Bravo, inaugurárona no Museo de Belas Artes da Coruña.

Abrangue seis espazos que recollen a periodoloxía do teatro galego: o primeiro teatro popular, o nacemento da dramaturxia galega, os intentos de modernizalo e auxe da man de figuras como Castelao ou Blanco Amor, a actividade teatral durante a ditadura, silenciada e escurecida, o rexurdir nos anos 60 e 70 e finalmente a consolidación das últimas décadas.

Está previsto que percorra entre o 17 de xullo e o 23 de decembro de 2007 distintos centros culturais, teatros ou salas de exposicións de 11 concellos, nalgúns casos coincidindo con festivais ou eventos importantes de artes escénicas que se desenvolverán nesas localidades. O periplo xa comezou na Mostra de Teatro de Ribadavia e proseguirá pola Coruña, Cee, Carballiño, Pontevedra, O Barco, Carballo, Santiago de Compostela, Lugo e Vigo, para rematar en Narón.

Celebrando 125 anos sobre os escenarios

A mostra é outra das actividades coas que a Concellaría de Cultura conmemora o 125 aniversario do teatro galego. O 13 de agosto de 1882, estreábase A fonte do xuramento, de Francisco de la Iglesia, no Liceo Brigantino.

Non han faltar, dende logo, actuacións e representacións por todo o país dunha chea de compañías. Aos espazos da Rede Galega de Teatros e Auditorios súmanse praias, parques, rúas e prazas, e mesmo lonxas ou hospitais. Ademais, vaise cocendo xa a Feira das Artes Escénicas, que este ano terá lugar en Compostela do 23 ao 28 de outubro.


4.33/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Este verán, a praia converterase en patio de butacas. Foto: Boletín do IGAEM, E-scena
Este verán, a praia converterase en patio de butacas. Foto: Boletín do IGAEM, E-scena