Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Até o 30 de xullo

Abre o prazo para apuntarse nas galescolas

Este venres 20 de xullo comeza a preinscrición nas galescolas de 23 vilas para o curso que vén. O proceso pódese seguir a través da rede.

Redacción - 18:42 19/07/2007

Hai Galescolas en Cambre, Cerdedo, Coles, Crecente, Fene, A Fonsagrada, Ortigueira, Pantón, Portas, A Rúa, Taboada, Vilaboa, Boiro, Covelo, Rianxo, Pereiro de Aguiar, Ponteceso, Vilamarín, Poio, Zas, Xinzo de Limia, O Rosal e Campo Lameiro.

Son centros educativos da Rede Galega de Escolas Infantís para cativos e cativas de 0 a 3 anos, que se foron poñendo en marcha ao longo do 2007 e para o curso comezan o seu funcionamento. Son un proxecto que potencia a educación en galego e tenta superar o concepto de garda e custodia dos pícaros, e apostar por unha educación que transmita valores e habilidades sociais.

Xestiónaas o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, da Vicepresidencia, e podemos obter máis información a través da súa web: www.igualdadebenestar.org, e nos taboleiros dos concellos onde están as galescolas.

Ademais estes días reuníronse centos de profesionais en Compostela, no marco das I Xornadas de Formación en 1º Ciclo de Educación Infantil. O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana destacou o valor educativo do proxecto, que non considera os centros como un mero recurso asistencial. Falou das xornadas como "o inicio dunha etapa de traballo coordinado, en equipo e en rede, entre todos os que formamos parte desta empresa colectiva que debe estar á altura do desafío que temos por diante: a educación dos galegos e das galegas do século XXI".

Quintana: "Hoxe en día o problema non o ten quen quere educar os seus fillos en castelán"
O vicepresidente subliñou tamén a importancia de dotar dun proxecto, de contidos e de obxectivos comúns ás Galescolas, para funcionaren como unha verdadeira rede. O obxectivo é a formación integral dos nenos e das nenas mediante unha educación de calidade e promovendo tamén a implicación e a participación das familias en todo o proceso formativo. A aprendizaxe integra educación en valores, "porque se queremos construír unha sociedade igualitaria e solidaria temos que comezar por inculcar eses valores dende cativos".

Quintana salientou tamén o carácter innovador da parella docente (na vez do profesor único na aula haberá dúas persoas), e o avance que supón a creación da rede para a educación dos cativos en galego: "hoxe en día o problema non o ten quen quere educar aos seus fillos en castelán, que pode facelo sen ningún tipo de complicación, as dificultades téñenas aqueles que queren educar aos seus fillos e fillas en galego, ao non atoparen sitios que lles aseguren a aprendizaxe na nosa lingua".


4.82/5 (11 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: