Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Cara ao relevo na institución

A serodia despedida de Sandes abre a porta á "revitalización" do Valedor do Pobo

Ausencia de resposta a peticións, declaracións fóra de lugar, queixas sen investigar, defectos xurídicos... Un tardío relevo malia os déficits criticados na actuación de Vázquez Sandes.

Redacción - 09:00 12/07/2007

Dous anos despois da toma de posesión do actual goberno non será até os próximos meses cando se vaian afrontar os cambios pendentes na institución do Valedor do Pobo. Na altura de 2005, PSdeG e BNG xa anunciaban a súa vontade de darlle novos azos ao organismo. Con todo, o propio relevo á fronte da institución tivo que esperar até que á volta das eleccións municipais os tres grupos parlamentarios foran capaces de chegar a un consenso.

Socialistas e nacionalistas coinciden en que o funcionamento do Valedor do Pobo arrastra problemas de funcionamento herdados de prácticas dos gobernos anteriores. Ao tempo, desde o propio PPdeG recoñecen a necesidade de que a institución conte con máis medios dos que veu gozando. Así e todo, a vontade de darlle pulo ao Valedor avanzou lentamente até o de agora.

Xestión chea de sombras
Desde o Movemento polos Dereitos Civís, MpDC, colectivo que seguiu moi de preto as actuacións do Valedor do Pobo durante os últimos anos, son moi críticos coa xestión realizada por Xosé Ramón Vázquez Sandes. "Confiamos en que chegue aire novo á institución", indica Renato Núñez, voceiro do MpDC. Núñez explica que alén dos problemas no propio funcionamento da oficina do Valedor, a institución podería xogar un papel activo na defensa dos dereitos civís se tivese á fronte "unha persoa sensibilizada" con estas cuestións.

O MpDC recorda que a presunta inoperancia de Sandes mesmo forzou ao colectivo a "presentar unha demanda contra o Valedor do Pobo" ao alegar este erroneamente "unha falla de lexitimidade activa" da asociación nunha das reclamacións presentadas. Lembran ademais as negativas a facilitar documentación sobre casos abertos polo propio Valedor.

"Agardamos que o relevo nos permita retirar a demanda e que o novo Valedor aproveite a oportunidade de comezar outro tipo de relación cos movementos cívicos e co conxunto da cidadanía en xeral", comentan desde o colectivo.


5/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: