Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Doce mil exemplares integran o fondo

Abre as súas portas a Biblioteca Galega de Bos Aires

Inaugurouse no marco das actividades culturais que desenvolve en conmemoración do seu 85 aniversario a a Federación de Sociedades Galegas da República Arxentina.

Redacción - 12:06 09/07/2007
'Patagonia, utopía libertaria', será proxectada o xoves

'Patagonia, utopía libertaria', será proxectada o xoves

E a primeira biblioteca galega fóra do Estado. A cidadanía bonaerense poderá gozar da lectura en sala e o préstamo a domicilio de doce mil exemplares que integran o acervo arquivístico e bibliográfico da Federación. Ademais, non faltan o sector infantil e xuvenil, un catálogo en liña e a posibilidade de consulta especializada e actividades de extensión cultural, e está conectada á Rede de Bibliotecas de Galicia.

É unha nova iniciativa da Federación, xunto con varios festivais artísticos e o Museo da Emigración Galega na Arxentina (MEGA). Xa no 43 a Federación creara o Ateneo Curros Enríquez, que tiña entre os seus obxectivos crear unha biblioteca para perpetuar o espírito progresista e republicano, e fomentar a cultura das persoas asociadas e de toda a colectividade galega.

Editoriais e doazóns particulares

Dende aquela, foise enchendo grazas ás doazóns de entidades como o Centro Republicano Español, que entregou o seu arquivo ao se disolver, logo de medio século de actividade, no 80; ou tamén, doazóns de persoas particulares, como a da familia do coronel republicano, Francisco Galán, e dun dos dirixentes do Centro Republicano Español, Antonio Salgado, a familia republicana López Silva, as fillas do dirixente nacionalista exiliado na Arxentina Manuel Pedreira, e os herdeiros do poeta e xornalista José González Ledo.

Ademais, os fondos da biblioteca contaron coas achegas da Editorial Galaxia, Ediciós Do Castro e a Fundación Sotelo Branco, (que integra a editorial Sotelo Branco, de Santiago de Compostela, e Ronsel, de Barcelona). A Biblioteca recibe tamén o mesmo material bibliográfico que as públicas galegas, de acordo co subscrito en abril de 2006 entre a Federación e a Consellaría de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia.

Nos andeis da Biblioteca, no primeiro piso do número 955 da rúa Chacabuco, poderanse consultar materiais relacionados coa historia, a literatura e as ciencias de Galicia, a Guerra Civil española e os movementos sociais do século XX, entre eles a emigración galega e española na Arxentina, e o labor intelectual das persoas exiliadas. Abre os mércores, venres e sábados de 17.00 a 20.00, e ademais de consulta en sala, poderanse levar libros para casa, logo de asociarse, por un período de quince días.

Unha proxección con Xan Leira
Seguindo co mes de Galiza en Bos Aires, a Federación, o MEGA e a Biblioteca Galega de Bos Aires presentarán o filme documental Patagonia, utopía libertaria, do realizador Xan Leira., este xoves 12 ás 19.30, no Salón Arturo Cadrado, coa presenza do director. A entrada é libre e gratuíta.

A fita, de 56 minutos, conta a vida e a actuación política de Antonio Soto Canalejo, máis coñecido na historia recente como "o galego Soto", quen liderou as folgas rurais na Patagonia entre 1920 e 1921. Naceu en Ferrol no 1897, e faleceu en Punta Areas (Chile), 66 anos despois. Encabezou a loita obreira pola promulgación do Primeiro Convenio Rural, o que foi interpretado como unha provocación por parte da oligarquía anglo-arxentina que gobernaba naquel momento: a reacción dos poderosos foi enviaren o X Rexemento de Cabalería, que asasinou a 1.500 obreiros.

Xan Leira achegará unha nova versión, actualizada e ampliada con respecto á de1997. Nela quere denunciar a incapacidade ou a indiferenza das burocracias sindicais actuais no proceso de explotación e globalización á que está sometida a humanidade. Persoeiros como o ex presidente arxentino, Raúl Alfonsín, os actores Héctor Alterio, Osvaldo Soriano e Luís Brandoni, os historiadores Osvaldo Bayer, Ramón Villares, os escritores Manuel Vázquez Montalbán e David Viñas achegan o seu testemuño.


5/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: