Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Barcelona

Edición xestionada por Xabier Paradelo
RSS de Barcelona
EXPOSICIÓN EN CAIXAFORUM: WILLIAM HOGARTH

O Teatro da Vida. Retratos sociais do Londres pre-industrial

Chegou a Barcelona unha mostra da creación artística dun dos grandes pintores ingleses do século XVIII. As obras de Hogarth poden inspirar montaxes musicais de agora mesmo? Que lle debe Dickens a este retratista social?

Lito Caramés - 08:00 02/07/2007
"A calella da xenebra" (1751), augaforte.

"A calella da xenebra" (1751), augaforte.

CaixaForum presenta en Barcelona unha importante mostra do artista británico, William Hogarth, e que vén de triunfar no Louvre de París. Un total de 137 obras, entre gravados e pinturas. Trátase dunha ampla escolma da creación de quen se considera o mellor pintor inglés do século XVIII. Aínda que sexa unha presentación antolóxica de pezas de hai douscentos anos, os comisarios decidiron ordenala, non por cronoloxías, senón polas temáticas que traballou Hogarth de xeito simultáneo.

Afeccionado ao teatro. Moitas pinturas e, por suposto, moitos gravados ofrécense como escenas do teatro da vida. Un dos apartados da exposición dedícase ao teatro, e pezas concretas reproducen escenas de obras e de autores de éxito daqueles anos. Tamén hai referencias a Shakespeare, claro. Noutros casos, as escenas recreadas sobre tea ou papel lembran iso, o teatro da vida. Un teatro con intencións moralizadoras.

Cando comezaba a apuntar como artista, tivo o acerto de intuír (por influencias da prensa coetánea) que o estampado de gravados era un gran negocio, e montou a súa propia empresa para controlar todo o proceso de produción dos seus gravados. Seica xa tiña “piratas” que copiaban os seus temas e as formas de traballalos. Vendeu moitos, mormente as series de varios gravados (A evolución do vividor, Matrimonio á moda...) Non se pode dicir que Hogarth fose un ilustrador gráfico ao servizo da prensa, pero certo paralelismo con El Roto, con Farreres ou con Forges, pódeselle atopar. Non hai moito, un gran artista actual díxome que, para el, El roto, era o Goya de comezos do século XXI. Falando do rei de Roma: está comprobado que Goya coñeceu estas series de gravados; el fará o mesmo cos Caprichos ou Los Desastres de la Guerra.

Para incidir máis na escenificación e no éxito da súa creación, busca que personaxes coñecidos e lugares identificables aparezan en pinturas, gravados e nas series de tales obras. E todo presentado con moito realismo (en intres nos que primaba a idealización de tipos populares, de escenas costumistas...). As influencias deste retratista social non pararon nunca. Agora mesmo no Liceu barcelonés estase a representar a ópera Manon, de Massenet, baixo a dirección de David Mac Vicar. A escenografía desta montaxe está ambientada e baseada nos retratos sociais de Hogarth. E hai máis de cincuenta anos Igor Stravinski estreaba en Venecia a ópera The Rake's progress, inspirada na serie homónima de Hogarth, A evolución do vividor.

Se a arte de Hogarth ten un protagonista, se hai unha realidade que se repite na riqueza e na pobreza das escenas, esa realidade é Londres. Tan bo retratista social do Londres do seu tempo foi que se fala, hoxe, do Londres de Hogarth. Aínda máis, os Tempos de Hogarth é a expresión usada para referirse á primeira metade do século XVIII en Inglaterra.

Pódese dicir que Hogarth é o inventor do cómic moralista? Hogarth chamáballe ao que el facía Comic history painting (pintura de sátiras), e as series de gravados van mostrando unha historia en viñetas. Cómic? O pai de William Hogarth era un profesor, que nun momento da súa vida decidiu abrir unha taberna en Londres na que pretendeu que só, SÓ se falase latín. O fracaso estivo á altura do empeño. E toda a familia foi dar cos ósos á cadea. Aquela infancia carceraria nunca lla perdoou Hogarth aos que enganaron e abandonaron ao seu pai: a aristocracia decadente e á burguesía rica e florecente. Por iso, boa parte da súa creación centrarase na crítica satírica e directa (Matrimonio á moda...) contra esas dúas clases podentes. As súas críticas corren parellas coas que facía o seu amigo J. Swift en obras como As Viaxes de Gulliver.

E logo están as críticas ás clases populares, á xente que migra á gran metrópole, esa xente que logo será carne de industria. Critica a prostitución (A Evolución da Prostituta), critica costumes e critica unha lacra social daqueles tempos, a bebida: A Calella da Xenebra representa unha nai bébeda que deixa caer o fillo polo oco dunha escaleira. Nestes sensos, as obras de Hogarth semellan ilustracións para as novelas de Dickens. Pero... Dickens escribirá David Cooperfield e Oliver Twist un século despois.

William Hogarth tamén escribiu un libro teórico: Análise da Beleza, no que aposta pola liña curva como a expresión da beleza. A importancia artística de Hogarth está máis nas innovacións temáticas que foi quen de introducir na pintura inglesa (á que lle deu, por certo, un valor que até aquel intre non tiña): o realismo social, o retrato crítico e mordente dos seus coetáneos.

Esta exposición non ía vir a Barcelona. Non. O seu destino era Madrid, para inaugurar o espazo que La Caixa vai abrir no Paseo do Prado, o Caixaforum-Madrid na antiga Central Eléctrica del Mediodía (as obras de remodelación son do arquitecto suízo Herzog). Pero as obras aínda non remataron (non por falta de cartos...). Voces insidiosas (e ben informadas) afirman que algunhas coleccións particulares, cando souberon que o destino da exposición de William Hogarth era Barcelona e non Madrid, retiraron as súas obras da mostra. No mundo da arte non todo é beleza.

EXPOSICIÓN: WILLIAM HOGARTH

CaixaForum
Av. Marquès de Comillas, 6-8 (Montjuïc) | 08038 Barcelona
Entrada de balde.
Horario: de martes a domingo, de 10 a 20 h.
Visitas comentadas, de balde, martes ás 17 h., xoves ás 19 h., sábados ás 18 h. e domingos ás 10 h.

Até o día 26 de agosto.


1,17/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



"Matrimonio á moda-2" (1743), óleo sobre tea.
"Matrimonio á moda-2" (1743), óleo sobre tea.
"O pintor e o seu carlino" (1745), óleo sobre tea.
"O pintor e o seu carlino" (1745), óleo sobre tea.
"Os catro momentos do día: as doce" (1736), óleo sobre tea.
"Os catro momentos do día: as doce" (1736), óleo sobre tea.