Fuxiu dunha aula para falar con Vieiros e contarnos un pouco o que ten feito até agora, e o que ten pensado facer no futuro nunha carreira que acaba de comezar, ao recibir un dos Mestre Mateo 2006.
Jairo Iglesias
Ten só vinte anos, e xa foi alcumado "o Steven Spielberg" galego pola Axencia Audiovisual Galega. El pensa que non chega a tanto, que foi un encadeamento de conclusións estrañas "Primeiro comparáronme con Amenábar, polo que me gusta, e logo, coma a este xa o tiñan comparado con Spielberg, por asociación, chamáronme o Spielberg Galego". Son para el os dous "grandes referentes", pero di que a comparación, máis que ser certa, está a axudar na súa propia promoción, en que anda metido de cheo estes meses.
O traballo de Jairo Iglesias foi premiado en varios festivais; pero o premio que máis destaca é o Mestre Mateo á Mellor Curta de Ficción, que lle entregou a Academia Galega do Audiovisual pola súa fita, Cicatrices, o seu segundo traballo en pequeno formato que afonda nos temas sociais conflitivos, que tendemos a obviar, coma o alcolismo, a violencia machista ou a prostitución. Agora anda promocionando polo país e mandando a festivais a súa última curta, Rosa dos Ventos, protagonizada por Belén Constenla. Ademais de traballar na súa produtora, Producciones Retrato, e estudar Realización na Coruña.
Dos vinte anos que ten, leva quince dedicados ao audiovisual. Como comezou a interesarse por este eido?
Cando vin Tesis, a ópera prima de Alejandro Amenábar. Daquela pensei "eu quero facer unha cousa así". Cando estaba no colexio en Compostela sempre andaba a facer todos os vídeos e fotografías da aula, e todos os traballos dos compañeiros e os meus propios que estivesen relacionados co audiovisual. Cando terminei, xa sabía que me quería dedicar a isto. Mais foi Tesis o que me inspirou para meterme neste mundo e seguir os pasos do seu director.
Amenábar comezou facendo curtas, pero de seguida pasou ás longas. Ten pensado facer o mesmo, seguindo os pasos del?
Non aínda. Penso que debera agardar un tempo, porque fica moito por aprender. Prefiro errar aínda unhas poucas veces máis. Aínda que xa teño ideas a formárense e a bulir no maxín, como varios proxectos que temos na produtora para a TV, pensados a longo prazo.
Os seus traballos adoitan estar protagonizados por mulleres, mais mulleres que sofren. Como fai para pórse na súa pel?
É certo que é así, pero penso que é máis froito da casualidade que doutra cousa. Ou tamén pode ser que me custe menos pórme na súa pel ao contar as historias. Sempre me baseo na experiencia e un chisco na intuición para escribir o que logo rodamos. Fíxome na realidade e logo escribo historias sobre o que vexo a cotío, como os medos e retos diarios aos que se enfrontan as mulleres, que, como Rosa, por exemplo, a protagonista da nova curta, Rosa dos ventos, non teñen unha vida fácil.
Falando da protagonista da súa última curta, Rosa, é case unha Penélope de hoxe, que agarda, a carón do mar, que volva o seu home. Como deu con esta historia? Como entrou en contacto co mar?
Eu creo que as historias vanme atopando a min, non eu a elas. Chegan das casualidades e das experiencias que vou collendo na vida. Ás veces acontéceme algo, cóntanme ou vexo algo, e de seguida, véñenme varias secuencias chave á cabeza, varias imaxes dunha posíbel curta. A historia de Rosa, na Rosa dos Ventos, penseina mentres estaba a rodar Cicatrices, a raíz dalgo que me dixo un dos compañeiros do reparto. Normalmente son historias íntimas, pero non teño por que telas vivido, aínda que as coñeza. En Cicatrices, por exemplo, falamos dos malos tratos, o alcolismo a prostitución... E para isto informámonos en varios centros de terapia e de axuda, falando con xente que o viviu de verdade, tentando non danar os sentimentos de ninguén e ser ben respectuosos.
En canto á miña relación co mar, dende antes case de nacer paso tres meses ao ano en Ribeira, e baseeime nas lembranzas e no que vin dende sempre para rodar Rosa dos Ventos. Sempre hai algo de meu en cada historia.
Está metido de cheo no chamado sector audiovisual galego, como o valoraría dende o punto de vista dunha persoa que acaba de chegar?
Penso que teño moita sorte, por estar onde estou con só vinte anos, e que a xente xa saiba de min, ou teña visto o meu traballo. Eu penso que o sector audiovisual galego ten medrado moito nos últimos anos, un rexurdir promovido, en parte, polas axudas institucionais. Sería mentir dicir que agora non se está a facer nada no país. Porque todo aquel que posúa unha cámara pode facer algo, e andamos sobrados de moi bos equipos humanos. O que creo que nos falta e bo material para rodar.
E que opinión sobre o mercado audiovisual galego? haino? e de ser así, como o ve?
Haino, mais eu penso que está un pouco perdido en canto a distribución e promoción. Habería que aprender dos americanos, que lle dan moito bombo a cada filme que estrean, promocionándoo a base de trailers. Tamén se viu iso cando entraron as televisións españolas na produción de certos filmes. Sacaban anuncios e promocionaban estes filmes dentro da súa propia programación diaria, e iso nótase logo nas billeteiras dos cinemas. Nós dedicamos parte importante do orzamento de Rosa dos Ventos á súa promoción, e estamos movendo bastante a fita para que a xente poida vela e comece a lles soar o título, para que veñan ver a curta.