Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Memoria da resistencia

“Son unha escritora social, non me gusta mirar o embigo”

Esta semana presentouse Cólera, de María Xosé Queizán. Vieiros falou con ela sobre este seu novo poemario.

Lara Rozados - 11:30 21/06/2007

Cólera quere recuperar a memoria dunha xeración: a da resistencia contra o franquismo, dende mediados dos 60 até mediados dos 70. A autora reflicte un proceso histórico que viviu e padeceu: a formación do Consello da Mocidade, o 25 de xullo de 1969, a loita en Castrelo de Miño, os obreiros de Bazán asasinados en Ferrol, o 10 de marzo de 1972, ou revolta das Encrobas. Mais non escribe en nome propio: están trazados dende o punto de vista masculino. Segundo Queizán, este poemario de lembranza e recoñecemento aos impulsores da conciencia política galega non sería o mesmo escrito desde a conciencia feminista. “Tería que chamarse Cóleras, xa que as mulleres sentían unha dupla indignación porque padecían unha dobre opresión”.

Vieiros: O libro non contempla a óptica feminista, escríbese dende a experiencia masculina. Por que?

María Xosé Queizán: Resulta evidente que non podía estar escrita esta loa a todos os que se moveron, os que estiveron na cadea, foron detidos e sufriron o exilio e mesmo a morte: ten que estar contada dende o punto de vista masculino e do seu tempo. As mulleres daquela contabamos moi pouco: foi o feminismo o que fixo que, nas seguintes décadas, conseguísemos a igualdade na lei, aos poucos.

Por exemplo, conseguiuse facer visíbel o espazo privado. É evidente que había homes que daquela eran moi valorados publicamente, pero dentro da casa podían ser auténticos tiranos. Eu era consciente desta historia, e era crítica con ela.

V.: E hai posibilidade dunha historia crítica despois de Cólera?

M.X.Q.: As mulleres fomos quen de loitar por cousas que non eran as propias, xa antes do feminismo fomos pioneiras en loitar pola abolición da escravitude. Posturas como as que afirman que as mulleres somos boas por natureza non teñen sentido, as cousas non son así dende o feminismo racionalista.

Non é oportuno vir agora axustando contas. Ademais os homes teñen cambiado, de feito, nestes momentos, súmanse ao movemento feminista, e algúns homes vannos axudar a rematar coa escravitude das mulleres, que é a prostitución. Por iso, non me parece elegante facer crítica daquilo.

V.: A súa poesía ten un fondo vínculo co ensaio. Tamén neste poemario?

M.X.Q.: Os meus poemarios nunca foron intimistas, xa dende o 91: Metáfora da metáfora é unha posta a punto e crítica da metáfora patriarcal, Lei do mercado fala sobre a prostitución, Fóra de min, da marxinación. Son unha escritora fundamentalmente social, non me gusta mirarme o embigo.

V.: Por que elixiu desta vez a poesía para falar deste momento histórico?

M.X.Q.: Saíu así. Cada libro vén co seu xénero debaixo do brazo, e o propio era poesía. Se fose prosa tería que ser moito máis obxectivo, pero realmente é un flash back, un volcán de emocións das que sentimos daquela, de medo, de idealismo, de cólera...


4,11/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: