Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Entrevista a Brais Morán, voz dos Loretta Martin

"Facer música en galego abriunos moitas máis portas das que nos pechou"

Brais é a voz do grupo Loretta Martin, dos poucos grupos galegos cun estilo medio funki, mesturado con música brasileira, un chisquiño de soul e outro de electrónica.

Redacción - 09:45 17/06/2007
Brais Morán

Brais Morán

Brais Morán é a voz e o compositor da maioría das letras de Loretta Martin, a banda coruñesa que se definiu máis dunha vez como "os inventores do funk en galego", aínda que el non o cre así: "O funk xa estaba inventado en Galiza e en todo o mundo. Nós só somos unha banda cun son propio, que se achega ao funk".

A comezos de ano sacaron o seu primeiro traballo, Paraíso distante, un disco no que mesturan bossa-nova, música electrónica, acid jazz, funk… pero sen etiquetas, porque realmente o que Loretta Martin fai é un son Loretta Martin.

Limos nalgún sitio que Loretta Martin naceu no instituto, cando estudábades o COU de antes. É así?
Sempre dicimos que comezamos no 2002, facendo versións dos Beatles, os Stones, Jimmy Hendrix…

E o voso nome, de onde sae?
Dunha canción dos Beatles que di algo así: "A doce Loretta Martin pensaba que era unha muller… e era un home máis". A ambigüidade coa que eles xogan defínenos moi ben. O travestido, o psicodélico… é algo que nós moitas veces representamos e gos tamos de crear sobre o escenario. Tamén escollimos Loretta Martin porque é un nome universal, que se le en calquera lingua.

Disque o voso comezo foi versionando aos clásicos, como foi a vosa evolución?
Pois comezamos coas raíces. Todos escoitábamos música setenteira, moita música desa onda e ao seguir a tocar, fomos evolucionando. É algo que creo que lle pasa a todas as bandas; escoitas moita música, bebes de moitas fontes e pouco a pouco vaise definindo o "son Loretta". Funk, música brasileira, a raíz do soul, a alma… son distintos estilos que facemos nosos, que conforman o noso. Cada unha das nosas cancións pode lembrar moitas cousas. É un son aberto, mais tentamos non perder nunca a identidade da banda.

O día 14 de abril compartistes escenario na Sala Capitol de Compostela con La Fundación Tony Manero, como foi ese día?
Foi unha experiencia fantástica, porque La Fundación é unha banda que nos fascina. De feito é das poucas bandas estatais que fan un son e un estilo co que nos identificamos. Tamén está Mojo Project, pero eles teñen máis toques sureños. La Fundación fai unha música funki, con toques latinos, de soul… ás veces moi Jackson Five. Realmente foi un estímulo abrir o seu concerto; foron corenta minutos moi intensos onde presentabamos os temas do noso disco e varios temas novos, procurando crear un repertorio que fose acorde co de La Fundación. Aínda que estabamos abrindo o seu concerto, nunca nos esquecimos de que era o noso concerto e tocamos con potencia, cunha enerxía enorme. Ademais, había moita xente para ver os cataláns, pero tamén moita que viña vernos a nós.

Sentídesvos como moitas veces oímos, inventores do funki en Galiza? do funki en galego?
A verdade é que o funky hai moito tempo que está inventado e en Galiza hai tempo tamén que se fan moitas cousas do estilo. Hai moita xente fusionando e creando temas próximos ao funk. Pero creo que a nosa orixinalidade reside no feito de que cantamos en galego. Non chegamos a tanto como inventores, mais somos conscientes de que facemos algo inusual.

Por empregar o galego?
Nós pensamos naquela altura, cando montamos a banda, por que non imos usar a lingua daquí para cantar? É como nos expresamos no día a día. Ademais, o feito de cantar en galego está a nos abrir moitas máis portas das que se pechan. Pódese facer un xogo diferente que co castelán sobre o escenario; mesturalo co portugués, co brasileiro. Estamos contentos de ter comzado a cantar en galego e queremos seguir nesa liña, aínda que mesturemos sons e outras linguas nos temas, sempre andamos pretiño da lusofonía.

Tedes nova páxina web, e nela hai un novo videoclip, andades na promocionando do voso CD, Paraíso distante... non tedes parada!
É certo! A nosa páxina xa está aberta, aínda que faltan algúns contidos por completar e acabamos de estrear videoclip. Gravámolo na Costa da Morte, preto de Laxe, polas estradas perdidas que hai en Galiza. Foi unha pena que non puidesemos gravar un solpor ese mesmo día, porque é do que fala o tema, da tardiña, do solpor...

Ides gravar máis videoclips?
Sempre nos gustou xogar co visual, co teatro e coa interpretación. Sobre o escenario e fóra del. Imos gravar máis, este só é un adianto do que temos aínda por dar!

Como definirías o voso disco, Paraíso distante?
Pois é un disco froito de cinco anos de traballo xuntos. Un cedé no que hai un pouco de cada un dos compoñentes da banda, da xente que foi pasando por Loretta Martin ao longo destes anos. Tamén é o resultado de numerosas colaboracións con varios músicos e o traballo do último ano xuntos, dende que somos só tres. Só a xente que o escoita o ve como unha soa unidade, para nós é unha mestura de experiencias e sensacións adquiridas durante todo este tempo.

É un disco totalmente contemporáneo que fala dos sentimentos do día a día, de varios momentos da vida. Ao escribir eu a meirande parte das letras, hai moito de experiencia propia. Fálase do amor constantemente pero non só do amor por outras persoas, senón do amor pola vida, polas ganas de vivir, de ir cara adiante. O seu título, Paraíso distante defíneo moi ben. Quere dicir que estamos contentos co que temos, pero que sempre pensamos en ir máis alá; é unha forma positiva de falar, de dicir "o mellor aínda está por chegar".

O 22 de xullo é o vindeiro concerto dos Loretta Martin, na vila de Carballo. En xullo voltan a Compostela e en agosto pasarán polo Morrazo para tocar en Cangas e en Bueu, en varios festivais. Tamén viaxarán a Portugal, saíndo de Galiza por segunda vez, dende que foron a Barcelona este ano, para presentar a súa música en galego. Fican aínda moitas oportunidades para os ver ao vivo, nesa chea de festivais e festas que xa están comezando polo país adiante.


4,44/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Os Loretta Martin ao completo
Os Loretta Martin ao completo
Os Loretta Martin, con Brais Morán e as súas lentes de sol
Os Loretta Martin, con Brais Morán e as súas lentes de sol