Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Caixa Galicia lidera o crecemento

As caixas galegas gañaron 502 millóns de euros e abriron 86 oficinas en 2006

O incremento de beneficios conseguido nos últimos doce meses polas dúas entidades suma arredor de 167 millóns de euros sobre as cifras de 2005.

Redacción - 14:23 12/06/2007

Os mellores números son os do grupo Caixa Galicia, que pasou de facer balance en 2005 duns beneficios de até 212 millóns de euros netos a presentar á fin de 2006 unhas contas con 357 millóns: un incremento do 68%. Os beneficios brutos alcanzaron os 443 millóns e a entidade xa se marca como obxectivo para 2007 rematar o ano chimpando por riba da cifra dos 500 millóns. O volume de negocio subiu até un 38%, movendo o grupo nese tempo arredor de 62 mil millóns de euros.

Pola súa banda, o grupo Caixanova rematou exercicio cunha suba menor, un 9,65% máis de ganancias, cun total de 145 millóns de euros de beneficio respecto aos 123 cos que finalizara 2005. Con todo, desde a entidade destacan que por vez primeira os beneficios brutos pasaron da barreira simbólica dos douscentos millóns de euros. Por outra parte, o volume de negocio de Caixanova chegou até os 33.469 millóns de euros, incremento do 23%.

Nestes 12 meses, Caixa Galicia abriu outras 54 sucursais, chegando a un total de 806 e Caixanova estreou outras 32 oficinas, sumando xa 495.

La Caixa dispara o seu liderado no conxunto do Estado
O volume conxunto de beneficios colocaría a Caixa Galicia e Caixanova na cuarta posición a nivel estatal de seren a mesma entidade. Só La Caixa, Cajamadrid e Bancaja acumulan nos últimos doce meses un balance similar ao amosado conxuntamente polas dúas entidades financeiras galegas.

Iso si, segundo as contas da asociación que reúne as 47 caixas de aforros a nivel estatal, a CECA, o ránking das entidades segue liderado con moita vantaxe por La Caixa, que gañou 3.142 millóns de euros en 2006, practicamente a terceira parte do total de beneficios de todas as caixas nestes doce meses. A entidade financeira catalá foi quen neste período de duplicar beneficios, xa que un ano antes acumulara un incremento de 1.495 millóns o que xa daquela era un 83% máis ca o ano anterior. Por tras dela está Caja Madrid, con 1.040 millóns; séguelle Bancaja, con 866 millóns; a continuación, e xusto por riba de Caixa Galicia, aparece Caixa Catalunya, con 360 millóns.


3/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: