Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Bos Aires

Edición xestionada por Débora Campos
RSS de Bos Aires
Suso de Toro, de visita na Arxentina e no Uruguai

"En Madrid desgústalles que unha novela ambiciosa veña da literatura galega"

En entrevista con Débora Campos, di que a súa última novela afogouna a crítica "porque os españois só queren obras compracentes ideoloxicamente".

Débora Campos - 12:20 04/06/2007

Na visita que o sobranceiro autor galego Suso de Toro fixo á cidade de Bos Aires houbo de todo: un asistente á conferencia na Universidade de Belgrano (UB) que lle preguntou indignado porque se lle daba por chamar ás súas novelas Land Rover e Polaroid con nomes de marcas comerciais; unha muller que quixo saber que facer cun neto que non quería xogar ao fútbol cos compañeiros (o autor, minutos antes, dixera que era escritor porque se lle daba mal o xogo coa pelota dende rapaz); preguntas incómodas dos rapaces do colexio Santiago Apóstolo ("Por que sempre escribe cousas tan terríbeis?"); e unha emoción que lle quebrou a voz dúas veces durante unha presentación na Federación de Sociedades Galegas.

Convidado pola Secretaría Xeral de Emigración da Xunta, Suso de Toro chegou o mércores á capital arxentina e pola noite dese mesmo día foi o protagonista dunha conferencia no Teatro Castelao do Centro Galego de Bos Aires. Ao día seguinte ofreceu un percorrido pola súa carreira literaria diante dunhas 80 persoas integrantes do Instituto de Estudos Galegos da UB. E, no remate da visita, falou de galeguismo e galeguistas, de Galiza e da Arxentina, de política e de emigrantes, de libros e de literatura na Federación de Sociedades Galegas.

Ademais, fixo tempo para unha entrevista para o Diario Cultural da Radio Galega e Vieiros na que asegurou que a súa última novela, Home sen nome, foi afogada pola crítica e que tivo con ela un problema de recepción porque os españois so queren obras compracentes ideoloxicamente. Dixo que comeza un tempo de revisión do sistema electoral e da participación dos galegos da diáspora e asegurou que, así como están as cousas, é un atentado contra a democracia. Finalmente, falou da construción das identidades nos tempos que corren e desexou "ter novas xeracións de persoas que -dende calquera parte do mundo- queren ter un lazo con Galiza por lealdade á súa historia persoal, pero tamén por orgullo e alegría".

Vieiros: Fai poucas semanas refería vostede nun artigo publicado en Vieiros a un novo concepto de cidadanía non pechado ao territorio. É posíbel pensalo na Galiza actual?

Suso de Toro: O problema é que o tema da emigración estivo alí pero non estaba verbalizado, era algo persoal, era algo económico (porque tiña relación coa economía das familias e tiña relación con como solucionou a Galiza os seus problemas sociais, históricos e económicos), pero era vivido como algo particular, sobre todo a emigración americana, que non existía socialmente. Logo, estaba na retórica do galeguismo, na memoria do galeguismo, pero era unha retórica simbólica.

Con todo, dende que chegou a democracia, dende que se creou un goberno galego, e sobre todo dende que Manuel Fraga Iribarne comprendeu que o que alimentaba o poder político nunha democracia son os votos, dende ese momento buscou unha canteira de votos que fixesen que o seu poder político fora perpetuo. Entón foi que contemplou a emigración. Non o sei (pero podo incluso crer) se hai un aspecto de sinceridade pola súa experiencia como fillo dun pai emigrante. En todo caso, dende logo, houbo un aspecto de utilización cínica e perversa da situación histórica da emigración e da manipulación dunha parte da xente da emigración para conseguir un almacén de votos que era utilizado para perpetuarse no poder.

O libro obríganos a ver que alí houbo unha xente que foi asasinada e outra que escapou, e os que ficamos alí somos fillos dos que mataron ou dos que achantaron, e non hai máis.

E iso creou tamén unha nova aparición da emigración na conciencia da sociedade galega dun novo modo: un modo que era, por un lado, unha evidencia (os galegos existen fora de aquí); e doutro lado, a emigración en América é un problema para a democracia porque está sendo utilizada para perverter a vida cívica do pais. Eu creo que nestas últimas eleccións aínda se mantén máis ou menos o mesmo. O que ocorre é que en vez de ser unha forza política a que recorre a métodos clientelares de captación de votos realmente indecentes, están sendo todas as forzas políticas. Eu creo que vai cambiar, creo que na axenda política está que se regularice doutro modo o asunto do voto.

Unha segunda parte da resposta refire a que agora ponse sobre a mesa un tema novo e completamente contemporáneo, que é a identidade. A identidade das persoas é o tema mais moderno en todas partes: en Nova York, en Francia, en Inglaterra. Estase revisando a idea de cidadanía e estase resituando o compoñente de pertenza emocional, e revisando se é lexitimo ou non. Entón, o que está a ocorrer cada vez máis é que hai cidadáns dun Estado que desexan conservar dun modo regulado a súa relación con outra patria, nación ou comunidade. E iso é algo absolutamente contemporáneo e vai selo cada vez máis, porque cada vez máis as urbes e cidades modernas están feitas de persoas que veñen doutro lugar.

E hai unha cousa bonita, que é que antes a xente tiña que negar o mundo do que procedía para integrarse na ideoloxía ríxida do Estado-nación. Hoxendía, afortunadamente, as nosas identidades son máis complexas, son máis individualistas, son máis libres. Temos que regularizar isto e comprender ademais que, se somos quen de trasladar ao mundo unha nova imaxe de país, unha nova Galiza que está nacendo, viva, bonita, atractiva, moderna, iso vai ser un banderín de enganche para moitas persoas que viven noutro país pero que queren ser parte desa Galiza. A min gustaríame ter novas xeracións de persoas que quixesen seguir sendo norteamericanos, brasileiros, franceses, arxentinos, e ademais diso que queiran ter un lazo con Galiza por lealdade á súa historia persoal, pero tamén por orgullo e alegría, porque é algo bonito, do que se sintan orgullosos.

Creo na capacidade de intervención da literatura, creo no poder da palabra, e pensei que esta novela (Home sen nome) era un acto non só literario senón un acto de forza social, pensei que xeraría un debate. Pero non. Foi afogada. Danse na Galiza sete ou oito premios a libro publicado e nin un foi para ela, para min é moi elocuente de que é unha novela que molesta.


V.: Home sen nome é unha novela inquietante para os que vivimos en países cunha historia de violencia contra os cidadáns. Estaban os lectores españois en xeral e galegos en particular preparados para unha novela protagonizada por un verdugo falanxista?

S. d T.: Non. Tiven un problema de recepción clarísimo con esta novela. En primeiro lugar, coa crítica española, que a puxo ben (con excepción dun crítico dun diario que tiña unha campaña contra min e que se negou a facer o comentario da novela) pero co que tiven un problema: das catro cabeceiras so dúas aceitaron concorrer á presentación. É dicir, cousas que non me ocorrían dende hai anos. Entón, en Madrid topei con quen a ignorou, tamén houbo algunha cabeceira que se negou a asistir á presentación pero que logo dedicoume unha páxina enteira a toda cor e cunha foto miña enorme e debaixo unha recensión demoledora da novela e do autor.

E topei con recensións que foron moi favorábeis, nas que expresamente se recoñecía a enorme ambición literaria da novela, nas que dicían que estaba a altura do desafío, e nas que a continuación podíalles máis unha cousa preexistente na que expresaban toda unha serie de pegas estéticas, anímicas, políticas... A que atribúo isto? Pois a dúas cousas: a primeira é que amólalles verdadeiramente, desgústalles que unha novelística de moita ambición veña da literatura galega, é dicir, que non hai escritores españois neste momento que fagan desafíos literarios desa envergadura. Iso é evidente, altera a centralidade no mapa literario español. Por un lado, recoñecen a evidencia dun texto moi ambicioso e cargado de intencións literarias, máis a continuación non poden aceptalo e reaccionan. Iso por un lado.

E logo, por outro lado, tiven reproches porque aparece alí Torrente Ballester representado con un papel de fascista moi activo nos días máis terríbeis e, por outro lado, porque o libro nos obriga a ver que alí houbo unha xente que foi asasinada e outra xente que escapou, e os que ficamos alí, os que estamos hoxe alí, somos fillos dos que mataron ou dos que achantaron e non hai máis. E dicir, coa novela o que pretendín foi tocar dous tabús: o primeiro é o nome dos verdugos, eu na novela dou nomes dos asasinos. Por outro lado, ademais, dicir o evidente que é que fronte a compracencia en ser vítima (toda a sociedade española, a xente benpensante de esquerda di que somos todos vítimas) eu o que digo é que alí todo o que sobreviviu tivo que corromperse.

Esa é a verdade das nosas vidas, das nosas familias. Eu tamén o xustifico porque houbo que sobrevivir, máis ao mesmo tempo a novela é moi incómoda porque obriga a dicir: "Si, si, os asasinos están aquí, seguen entre nós e calquera de nós pode ser fillo dun asasino". E en segundo lugar, é que se non es fillo dun asasino, es fillo dunha vítima dos asasinos que achantou, de alguén que se humillou. E iso é moi incómodo. Entón, tiven un problema de recepción coa miña novela. É, probabelmente, a máis ambiciosa literariamente, pero foi afogada. Alí son aceptadas as propostas que no fondo son compracentes ideoloxicamente: "Que vítimas somos, pobres de nós, canto asesino anda por aí". Xa está ben! Ese punto de vista é, no fondo, conservador, porque non obriga a afrontar a realidade do que foi. Somos unha sociedade construída polos vencedores.

V.: Hai libros que son escritos nun tempo para lectores dun tempo por chegar. Pode ser o caso desta novela?

S. d T.: Pois se é así, será á forza. O meu libro era con vontade de intervir, eu sabía que era un libro que tocaba un tabú porque eu tiven moita preocupación cando o escribín. En principio, por documentarme, por pesquisar o nome dos asasinos. E en segundo lugar, polas consecuencias: eu vivo nunha cidade e son conveciño dos fillos e netos dos asasinos que non queren ver os seus nomes e apelidos alí. Entón, era unha decisión moi dura, e eu xa estou afeito, xa tiña demasiados conflitos abertos en moitos aspectos. Foi para min dicir: "Vou meterme tamén nesta lea".

Amólalles verdadeiramente que unha novelística de moita ambición veña da literatura galega; non hai escritores españois neste momento que fagan desafíos literarios desa envergadura.

Pero pasa que eu entendo a literatura dun modo moi radical en moitos sensos e tamén dende o punto de vista social: creo na capacidade de intervención da literatura, creo no poder da palabra, e pensei que esta novela -sinceramente- era un acto non só literario senón un acto de forza social, pensei que xeraría un debate. Pero non. Foi afogada. Danse na Galiza sete ou oito premios a libro publicado e nin un foi para ela, para min é moi elocuente de que é unha novela que molesta. No caso da crítica galega é que molesta ao lector porque o obriga a interrogar e a interrogarse a un mesmo. Á parte da perturbación psicolóxica que provoca, as preguntas sobre a identidade, sobre a condición humana e sobre o do que é capaz esa condición humana, é que non é nada compracente coas vítimas. Entón, o que lle vai á xente é retratarse na figura da vítima, pero iso para min é reaccionario.



Una entrevista para Vieiros de Débora Campos


4,5/5 (20 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Á dereita de Suso de Toro, o responsábel da Biblioteca Pública Galega de Bos Aires, Hernán Díaz
Á dereita de Suso de Toro, o responsábel da Biblioteca Pública Galega de Bos Aires, Hernán Díaz
Con imaxes dos desaparecidos galegos na parede do fondo, Suso de Toro asinou o libro de visitas
Con imaxes dos desaparecidos galegos na parede do fondo, Suso de Toro asinou o libro de visitas
Suso de Toro coa profesora da Universidade de Bos Aires e licenciada en Letras, Andrea Cobas Carral
Suso de Toro coa profesora da Universidade de Bos Aires e licenciada en Letras, Andrea Cobas Carral
Unhas 250 persoas encheron a sala Arturo Cuadrado da Federación de Sociedades Galegas
Unhas 250 persoas encheron a sala Arturo Cuadrado da Federación de Sociedades Galegas